Entrega de resolucións de axudas da Deputación de Pontevedra a entidades sociais de Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Hoxe tivo lugar na Casa do Concello o acto de entrega de resolucións de concesión de subvencións da Deputación de Pontevedra a cinco colectivos sociais de Cangas. No evento estiveron presentes a deputada provincial Begoña Estévez e o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo así como representantes das distintas entidades beneficiarias destas axudas.

Estas achegas foron destinadas á asociación Aspamsim, que atende ao redor de 34 persoas con algún tipo de discapacidade no concello, á Asociación Vida Digna que desenvolve un roupeiro e distribúe alimentos, á asociación de caridade Santiago Apóstolo para o seu comedor social no que se atende diariamente a máis de 100 persoas, á Asociación O Son do Pobo polo seu proxecto de musicoterapia e á asociación Adicam polo seu proxecto ‘Camiñando en Rosa’. En total as cinco entidades canguesas recibiron preto de 20.000 euros.

A deputada provincial Begoña Estévez sinalou o compromiso da institución provincial cos colectivos sociais, “dende a Deputación de Pontevedra queremos agradecer a labor de todas as persoas e voluntarios que dende estas asociacións axudan a todas as persoas que están pasando por dificultades” destacou. Estévez tamén sinalou que o organismo provincial está traballando no II Plan de Práctica Laboral do que se pechou o proceso de selección de empresas, “un programa a través do cal moitos colectivos poden ter a súa disposición a persoas recen titulados e ben formados para o desenvolvemento da súa labor correndo a Deputación co todos os gastos durante un período máximo de 1 ano”, xa que a iniciativa recolle tres tipos de entidade beneficiarias: empresas que o solicitan por primeira vez, empresas beneficiarias o ano pasado pero que amosan necesidades novas e as asociacións. Foron varios os colectivos sociais cangueses que accederon a este programa o pasado ano quedando moi satisfeitos co traballo realizado polos bolseiros provinciais. A deputada tamén avanzou que será no próximo mes de xullo cando comece o proceso de selección dos aspirantes a obter unha destas becas de práctica laboral co obxectivo de que comecen a traballar despois do verán, polo que resaltou que “o emprego é unha prioridade para a Deputación de Pontevedra”.

25 de xuño de 2014 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.