Entrega de premios do Concurso de Blogs en Lingua Galega convocado polo Concello da Coruña

Francisco Mourelo xunto aos premiados
O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, entregou os premios do Concurso de Blogs en Lingua Galega convocado polo Concello e ao que se presentaron un total de 15 traballos nos que participaron máis de medio centenar de escolares.
En concreto foron os escolares dos centros de Educación Infantil e Primaria Concepción Arenal, Eusebio da Garda e Ramón da Sagra os gañadores da primeira edición da iniciativa convocada polo Concello da Coruña e que se dirixe a escolares matriculados en 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e en centros de Educación Especial e que teñen como finalidade fomentar a creatividade nas redes sociais por parte dos escolares coruñeses.
O concurso está incluído dentro das actividades desenvolvidas polo Servizo Municipal de Educación no seu programa Coruña Linguas. Os seus principais obxectivos son potenciar a comprensión e a expresión oral e escrita en lingua galega, ademais de fomentar a creatividade nos escolares de Primaria e de Educación Especial.
Para iso, traballando en equipo, os escolares tiveron que crear e desenvolver un blog de temática libre dentro da aula escolar. Ao concurso presentáronse un total de 15 blogs, que foron elaborados por máis de medio centenar de escolares de diferentes centros educativos da cidade, sendo os gañadores os seguintes traballos:
– O primeiro premio foi para o blog As pequenas xornalistas, creado por un grupo de cinco alumnas e alumnos de 4º de Primaria do CEIP Concepción Arenal.
– O segundo premio, foi para o blog De todo un pouco, elaborado por un grupo de tres alumnas de 6º de Educación Primaria do CEIP Eusebio da Garda.
– O terceiro premio obtívoo o blog Bolboreteando, elaborado por escolares e profesores de 4º de Primaria do CEIP Ramón da Sagra.
No caso do blog gañador valorouse de forma especial a súa temática variada, a boa estrutura do blog, a transversalidade no tratamento dos diferentes temas, a súa calidade e a abundancia de artigos de diferentes autorías. No caso do blog clasificado en segundo lugar valorouse tamén a súa temática variada, a súa transversalidade no tratamento dos temas e a abundancia de artigos. Por último, no caso do blog clasificado en terceiro lugar, tívose en conta a variedade temática e a importante participación do alumnado.
No concurso establecéronse diferentes premios, consistentes en tablets e un trofeo conmemorativo para o grupo gañador; ademais de e-books e un trofeo conmemorativo para os segundos e terceiros clasificados. O xurado que avaliou os traballos valorou, entre outros aspectos e de forma especial, a participación nos equipos de escolares con necesidade específica de apoio educativo; a creatividade e innovación dos contidos ou o deseño e estrutura do blog; a accesibilidade do blog ás persoas con discapacidade; e que a temática tivese un carácter transversal e exportable a outros centros educativos.











