Entrega de premios da VI Regata de Vela Adaptada

Entrega de premios da VI Regata de Vela Adaptada da Fundación María José Jove
A Consellería de Traballo e Benestar está a promover a igualdade de oportunidades no deporte para que esta práctica sexa accesible para todos os galegos e galegas. Así o destacou hoxe na Coruña a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, na entrega de premios da VI Regata de Vela Adaptada que organiza anualmente a Fundación María José Jove.
Mato destacou que o Goberno galego considera o deporte un elemento básico para a saúde, a autonomía e o desenvolvemento persoal e, por iso, indicou que a Consellería de Traballo e Benestar converteu ao deporte nun dos dez eixos operativos do Plan de Acción Integral para a Discapacidade que desenvolveu o Goberno galego entre os anos 2010 e 2013.
A titular de Benestar, ademais, indicou que o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física, ‘Galicia Saudable’, que lidera a Secretaría Xeral para o Deporte, tamén promove a igualdade de oportunidades neste eido, e así, explicou que esta estratexia contempla a discapacidade de maneira transversal e inclúe medidas de integración específicas para este colectivo.
En definitiva, a conselleira resaltou que o obxectivo da Xunta é seguir a construír unha Comunidade autónoma máis saudable, integradora e inclusiva.











