Economía e Industria explícalle ós empresarios vigueses as posibilidades dos préstamos Jeremie

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+
O director do Igape, Javier Aguilera, presentou na sede da CEP a nova liña de créditos

O director do Igape, Javier Aguilera, presentou na sede da CEP a nova liña de créditos

O director do Igape, Javier Aguilera, achegou hoxe aos empresarios de Vigo os novos préstamos directos Jeremie, unha iniciativa pioneira en Galicia que permitirá mobilizar un mínimo de 15 millóns de euros con 8 millóns de dotación inicial, que se prevé ampliar se o require a demanda. Aguilera participou hoxe nunha xornada técnica desenvolvida na sede da CEP onde se presentou o programa financeiro Galicia 1000 da Consellería de Economía e Industria, deseñado para dar resposta axeitada ás diferentes necesidades das empresas.

O responsable do Igape resaltou as vantaxes que os novos préstamos Jeremie poden supoñer para o tecido empresarial vigués, con préstamos comprendidos entre 70.000 e 1.050.000 euros que poderán cubrir ata o 70% dos proxectos de investimento aprobados. As importantes bonificacións de xuros previstas nas bases permitirán que os tipos de xuro efectivo resultantes poidan ser inferiores ao 1,3%.

O programa de financiamento empresarial Galicia 1000 inclúe, por outra parte, liñas de financiamento bonificado polo Igape destinadas a emprendedores e pemes que se financien con préstamos ou microcréditos concedidos polas entidades financeiras con fondos procedentes do ICO.

Ademais, ao amparo deste programa integral de financiamento, as empresas poden acollerse aos fondos de capital risco e préstamos participativos de Xesgalicia, que apoian tanto os proxectos empresariais dos novos emprendedores como o impulso a proxectos de sectores estratéxicos ou proxectos de empresas económica e financeiramente viables que requiran fondos para superar dificultades puntuais.

Por último, o Galicia 1000 inclúe unha liña de garantías garantías para achegarlles ás empresas o circulante necesario para desenvolver con normalidade a súa actividade produtiva.

No seu conxunto, Galicia 1000 suma unhas achegas de 50 millóns de euros para atender as necesidades operativas das empresas en función da súa situación económica e financeira, cos que o Goberno galego prevé mobilizar arredor de 200 millóns de euros no tecido empresarial.

20 de xuño de 2014 | 14:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.