Dúas travesías urbanas de Monforte de Lemos introducirán medidas para mellorar a seguridade dos peóns
A Consellería de Infraestruturas, Medio Ambiente e Territorio está a levar a cabo traballos de mellora da seguridade viaria en dúas travesías de Monforte de Lemos, a rúa do Morín e a ronda María Emilia Casas.
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou que as obras afectan a tramos urbanos das estradas autonómicas LU-546, LU-664 e LU-617, e suman un investimento de 63.955 euros. Consisten na construción de seis pasos de peóns sobreelevados así como na execución de traballos complementarios, como o pintado da calzada e a renovación da sinalización.
Estes traballos veñen a sumarse ás melloras recentemente introducidas nas rotondas da rúa María Emilia Casas, que mudaron a sinalización para ser máis perceptibles para o tráfico.
Con estas reformas, afirmou Arias, “a Xunta pretende mellorar a seguridade dos peóns, atendendo a unha demanda dos veciños e veciñas que solicitaban medidas para reducir a velocidade dos vehículos e minimizar outros riscos en zonas de moito tránsito peonil”.
Así, os pasos de peóns sobreelevados comezaron hoxe a instalarse en puntos como o entorno da residencia da terceira idade do Morín, ou do colexio e o auditorio na ronda María Emilia Casas.
Estes pasos consisten na elevación sobre a calzada dunha plataforma cunha lonxitude de arredor de 5 metros que obriga aos condutores a reducir a velocidade.
O proxecto complétase con outras reformas, como o repintado viario ou a colocación doutros sistemas de redución de velocidade máis sinxelos onde sexa preciso. O groso dos traballos comezan hoxe mesmo e estarán rematados a vindeira semana. As obras realízanse con cargo á anualidade 2014 dos contratos de conservación da zona sur da provincia de Lugo.











