Dúas novas edicións do Mercado Local Xusto de San Sadurniño os días 29 de xuño e 27 de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello ten aberto xa o prazo de solicitude para asentar postos nos dous mercados locais que organiza para finais deste mes e do que vén. Neles volverá ter cabida a pequena produción e a comercialización de toda comarca, tanto de produtos da terra como de artigos de artesanía e segunda man. As solicitudes haberá que presentalas o día 25 como moi tarde para o econtro deste mes de xuño e o 22 de xullo se se opta polo do próximo mes. Tamén hai a posibilidade de presentar unha única folla de preinscrición para os dous mercados.

O obxectivo do evento organizado pola área de Participación veciñal e Turismo é impulsar o comercio de proximidade e a venda directa, recuperando así o espírito das feiras de antano e o dinamismo económico que xeraban no territorio.

No Mercado Local Xusto haberá de todo: excedentes do agro e produtos de temporada, produtos transformados, alimentos ecolóxicos e artigos de comercio xusto, artesanía e un espazo para troco e venda de artigos de segunda man.

A cita desenvolverase na Praza do Concello, no adro do convento do Rosario e no aparcadoiro. O Concello cre que será necesario ampliar a zona do mercado estendéndoo a unha parte da avenida Marqués de Figueroa. E é que nos últimos días foron moitos expositores -novos a maioría deles- os que se dirixiron á administración local para preguntar polas datas do mercado. 

Mentres non se saiba o número concreto de postos, o Concello traballa coa mesma distribución do espazo de anteriores edicións: na praza situarase a artesanía, no adro do convento os relacionados coa alimentación, na parte traseira do edificio disporanse os viveiros e comercializadores de planta e, por último, na zona do aparcadoiro irán situados os expositores de obxectos antigos e de segunda man.

Como novidade o departamento de Participación veciñal e Turismo xa anunciou as datas concretas de dous mercados e tamén abriu a posibilidade de inscribirse nun deles ou nos dous ao mesmo tempo. Así, o primeiro Mercado Local Xusto do verán será o 29 de xuño e o segundo o 27 de xullo. Para o mercado de xuño haberá que presentar a solicitude de inscrición antes das 14 horas do día 25 de xuño. A lista de postos admitidos publicarase o día 26.

Para participar no mercado do 27 de xullo haberá que achegar a folla de inscrición antes das 14 horas do día 22 dese mesmo mes e a lista definitiva publicarase tamén ao día seguinte. 

Os xeitos de formalizar a solicitude son varios: presentando a folla cuberta no rexistro municipal, enviándoa ao Concello por correo -Avda. Marqués de Figueroa 5 – 15560 San Sadurniño- ou por medio da conta de correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es. Neste mesmo enderezo pode obterse máis información, ademais dos teléfonos 616 332 919 e 981 490 027.

3 de xuño de 2014 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.