Dous xóvenes foron detidos por estafar con falsos patrocinios a establecementos da provincia de Lugo
A Garda Civil detivo a dous mozos veciño de Lugo por un delito de estafa a unha ducia de establecementos de localidades da provincia luguesa aos que pedían colaboración para o patrocinio dun evento deportivo falso.
Segundo informou o Instituto Armado, axentes da Garda Civil detiveron na localidade de Burela dous veciños de Lugo de 25 e 26 anos de idade como presuntos autores dun delito de estafa.
Os feitos aconteceron cando supostamente as persoas detidas solicitaban colaboración para o patrocinio dun evento deportivo falso que se celebraría na Mariña luguesa.
O ‘modus operandi’ utilizado era gañar a confianza dos propietarios e xerentes de establecementos de hostalaría coa argucia de que viñan de parte de persoas vinculadas a entidades deportivas e concellos, e que no tempo que durase o evento deportivo realizasen comidas ou ceas nos devanditos establecementos con, polo menos, 25 persoas en cada unha delas.
Os trece establecementos prexudicados están situados nas localidades de Ribadeo, Barreiros e Foz, reportándolles aos presuntos autores máis de 800 euros en metálico. Ata o momento da súa detención foron recuperados 480 euros nun sobre cos nomes dos establecementos colaboradores.
No marco desta investigación, segundo indican as mesmas fontes, tívose constancia, ademais, de que intentarían a mesma estafa noutros doce establecementos de hostalaría.
As dúas persoas detidas en relación con estes feitos foron postas a disposición xudicial.











