Dous programas mixtos mellorarán a empregabilidade de máis de 140 coruñeses

Beatriz Mato na presentación dos programas na Coruña
A Consellería de Traballo e Benestar destinará 390.000 euros a dous programas para mellorar a empregabilidade dun total de 143 veciños da Coruña. Así o anunciou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na xuntanza que mantivo co alcalde, Carlos Negreira, no Concello coruñés.
Por unha banda, Mato avanzou que A Coruña contará cun novo Plan Integrado de Emprego no que participarán 120 persoas desempregadas ás que se lles crearán itinerarios integrais e personalizados de inserción. O departamento autonómico investirá nesta actuación 185.000 euros. Segundo destacou a conselleira, o obxectivo mínimo de inserción laboral fixado é do 50 por cento dos seus participantes. Anunciou, ademais, que este mesmo ano poranse en marcha en toda Galicia un total de 22 plans integrados de emprego para o que se destinarán 3 millóns de euros. Estímase que máis de 1.740 persoas sen emprego poidan beneficiarse desta política activa de emprego.
Doutro lado, a titular de Traballo apuntou que a comisión de valoración da Consellería tamén concedeu ao Concello da Coruña o desenvolvemento este ano do obradoiro de emprego ‘San Amaro II’, que dará continuidade ao que se realizou xa ao longo do primeiro semestre deste ano. A este novo programa mixto de formación e emprego dedicaranse 205.000 euros e tomarán parte 23 traballadores e traballadoras que se poderán formar nas especialidades de xardinería, albanelería e pintura.
Con esta iniciativa completaranse os traballos de rehabilitación, mellora e acondicionamento do entorno do cemiterio de San Amaro, que iniciaron os alumnos do anterior obradoiro, xa que Mato lembrou que unha das vantaxes destes programas é que están vinculados á realización de obras e servizos de interese para a comunidade. Ademais, os obradoiros ofrecen aos seus participantes unha formación teórica e práctica de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional.
Así mesmo, a titular de Traballo sinalo que na área metropolitana da Coruña tamén se aprobaron dous obradoiros de emprego: para Cambre, que contará cun investimento de 180.000 euros e ofrecerá formación e emprego a 19 persoas en atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio; e o obradoiro ‘Colaborando polo emprego II’, que se desenvolverá en cooperación cos concellos de Arteixo e A Laracha. Este programa contará cun investimento de 170.000 euros e participarán nel un total de 22 desempregados nas especialidades de atención sociosanitario no domicilio, animación sociocultural e dinamización turística.
Mato avanzou que a Xunta seguirá a apostar por este tipo de programas e, por iso, apuntou que nos próximos meses poranse en marcha en toda Galicia un total de 53 obradoiros que beneficiarán a preto de 1.300 galegos e galegas. Para elo, a Consellería de Traballo e Benestar investirá 10,2 millóns de euros. Na provincia da Coruña, financiaranse 15 obradoiros que beneficiarán a 32 concellos. Contarán con 315 alumnos e alumnas e se destinarán 2,8 millóns de euros.
En definitiva, a conselleira resaltou que a Xunta coa posta en marcha destes dous programas segue a facer esforzos para crear novas oportunidades para o emprego en Galicia.
Perceptores Risga e Formación Dual
Ademais, Mato aproveito a xuntanza co alcalde da Coruña para explicarlle que o Concello ten a posibilidade de tomar parte activa noutros dous programas para a mellora da empregabilidade: a orde de axudas para a contratación de perceptores de Risga nos concellos galegos, unha iniciativa na que se investirán 3 millóns de euros para incentivar o acceso a un posto de traballo de persoas en situación de risco de exclusión, e o programa de formación dual, que conta cun orzamento de 4,1 millóns de euros.
Con respecto a esta última actuación, a titular de Traballo sinalou que o Consello da Xunta aprobou onte ampliar en tres millóns de euros este programa co obxectivo de abrir esta orde de axudas ás entidades locais. Desde xeito, o prazo de presentación de solicitudes ampliouse ata o 15 de novembro. Ademais, as administracións locais que aposten por esta modalidade de formación e aprendizaxe poderán acceder a un incentivo de 1.200 euros por cada menor de 30 anos que contraten.











