Dous programas integrados de emprego na provincia de Ourense beneficiarán a 130 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Un total de 130 persoas participarán nos dous programas integrados de emprego que a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo na provincia de Ourense a partir do mes de xullo e nos que o Goberno galego inviste preto de 270.000 euros.

Os beneficiarios destas iniciativas son os concellos de Castrelo de Miño, Cenlle e Toén, que constituíron unha agrupación de entidades locais para executar este programa no que participarán 60 persoas. Pola súa banda, o concello da capital disporá dunha iniciativa propia, que contará con 70 participantes. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, xustificou a concesión dun programa integrado de emprego ao concello da cidade pola elevada taxa de desemprego que rexistra. Segundo os datos recollidos polo Servizo Público de Emprego, só o concello ourensán acapara en torno ao 37% do paro rexistrado en toda a provincia.

Estes programas teñen como principal obxectivo a mellora da empregabilidade dos desempregados, e garantirán unha inserción laboral dun mínimo do 35% dos participantes, que no caso do concello da capital chegará ate un 45 %.

Formación individualizada

O delegado territorial subliñou que a gran vantaxe destes proxectos é que deseñan un itinerario integral e individual para os participantes, nos que se combinan diversos eixos de actividade: información, orientación, formación, asesoramento, intermediación con empresas, prácticas ou inserción.

Dentro destas actuacións, a formación é un factor clave. Deste xeito, nos programas inclúense dous tipos: a especializada, que prepara ao alumno para un traballo en concreto; e a transversal, que ofrece competencias de grande utilidade como a elaboración do currículo, a informática ou o autoemprego.

Os destinatarios dos programas integrados son aquelas persoas con maiores dificultades para acceder a un posto de traballo. Por iso, os participantes forman parte dalgún dos seguintes colectivos: persoas con discapacidade; en risco de exclusión; mulleres, especialmente se teñen sido vítimas de violencia; menores de 30 con baixa cualificación; desempregados de larga duración; persoas inmigrantes; e desempregados como consecuencia dun ERE de extinción.

Programas complementarios

A colaboración da Xunta e os concellos en materia de inserción laboral compleméntase a través doutras iniciativas, como o novo programa de contratación de perceptores de RISGA nos concellos ou os obradoiros de emprego. Iniciativa, esta última, para a cal o departamento autonómico destinou na provincia de Ourense 2,3 millóns de euros para o desenvolvemento dun total de trece obradoiros que beneficiarán a 40 concellos e nos que participarán máis de 260 persoas.

23 de xuño de 2014 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.