Dous centros educativos da provincia de Ourense son premiados no consurso “Clase sen fume”
Dous centros educativos da provincia ourensá resultaron galardoados na duodécima edición do concurso educativo para a prevención do tabaquismo Clases sen fume, que organiza a Consellería de Sanidade, a través da súa dirección xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Alumnos de 2ºA da ESO do CPR Sagrado Corazón de Celanova e a súa titora, Raquel Pérez, recibiron o premio ao mellor slogan -“ Disfruta do lado doce da vida”- , mentres que a clase de 2ºB do IES Otero Pedraio de Ourense co seu titor, José Cacheiro, foi a gañadora no apartado de Clase sen fume.
Os alumnos galardoados neste concurso gozarán no mes de xullo dun programa de multiaventura, dunha semana de duración, no Albergue de Gandarío.
O acto de entrega dos galardóns deste certame celebrouse o pasado venres en Santiago de Compostela e estivo presidido pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e polo conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad.
Nesta edición participaron un total de 4.157 escolares, pertencentes a 182 aulas e a 73 centros educativos de todo Galicia. Respecto a provincia de Ourense foron 11 os centros que participaron, con 28 aulas e 599 alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO, que se comprometeron de forma individual e colectiva a non fumar polo menos durante os 6 meses da duración do concurso.
O principal obxectivo deste concurso educativo é evitar o inicio do consumo de tabaco nas mozas e mozos galegos, ou, cando menos, retrasar a idade dese inicio. Está dirixido a escolares de 1º e 2º da ESO, é dicir nenas e nenos de entre 12 e 14 anos.











