Doce persoas con discapacidade rematan un curso de condutor en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O luns, 23 de xuño, remata curso de Condutor D+CAP para vehículos de máis de nove prazas que organizou a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e na que se formaron 12 persoas con discapacidade, 11 homes e 1 muller, procedentes dos concellos de Caldas, Cuntis, Cangas, Ribadumia, Pontevedra, Vigo, Salvaterra de Miño, O Rosal e Tomiño.

Nestes momentos, todas as persoas do curso superaron o exame teórico do carné D e están realizando as prácticas de pista de circulación para poder acceder ao exame práctico que será a finais do mes de xuño.

O curso, que tivo unha duración de 130 horas teóricas e 10 de prácticas en autobús, estivo financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).

De luns a venres, en horario de 16:00 a 21:15 horas, o alumnado acudiu ás clases sobre condución racional no transporte de viaxeiros, regulamentación do transporte de viaxeiros e organización do mercado e seguridade do servizo de transporte de viaxeiros.

Todas as persoas que formaron parte deste curso son usuarias do Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI de Pontevedra e Vigo, a maioría delas persoas paradas de longa duración e cun certificado de discapacidade ou incapacidade laboral. Proceden doutras profesións e decidiron apuntarse ao curso porque o viron como unha oportunidade de novas posibilidades laborais, como ser condutor de transporte de 065 ou de calquera empresa que oferten ofertas de emprego para o manexo de vehículos de transporte de persoas.

Para formar parte desta formación, COGAMI entrevistou previamente a todo o alumnado que tivo que pasar unha proceso de selección no que demostraron coñecementos xerais, o nivel de condución ademais de realizar unha entrevista persoal.

20 de xuño de 2014 | 15:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.