Dobre representación teatral en Monforte para esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMonforte de Lemos
A-
A+

O teatro será o gran protagonista da actividade cultural nesta primeira semana do mes de xuño. O venres poderemos asistir a un espectáculo baseado na obra poética de Lois Pereiro e o sábado a unha representación da compañía Teatro do Atlántico.

O venres día 6 de xuño, ás 20:30 horas na Casa da Cultura, a compañía “Fantoches Baj” porá en escena a obra “PULP (Poesía Última de Lois Pereiro)”. O autor e director desta obra sobre textos de Lois Pereiro é Inacio Vilariño e o espectáculo está protagonizado polo propio Vilariño e Benxa Otero. A entrada será gratuíta.

Poesía Última de LP é un espectáculo de teatro de obxectos con música en directo baseado en textos do poeta Lois Pereiro. A partir dos seus poemas e mediante o recurso, explorado polo propio Lois, de converterse en narrador de si mesmo, relátanse en primeira e terceira persoa os dous últimos anos da súa vida.

A posta en escena é simple e innovadora. As letras que conforman o título do espectáculo van construíndo palabras que nomean os espazos, obxectos e sentimentos que acompañaron a Lois e as súas relacións e amizades, personaxes que se materializan baixo a forma das iniciais dos seus nomes.

A sonoplastia, creada por Benxa Otero e tocada en directo por el mesmo con sintetizador e lupeadora, axuda a crear os ambientes necesarios e a ilustrar algúns dos espazos que recorreu Lois (o hospital, a praia de Barrañán, o bar Parrús no Orzán, a súa casa…). Esta banda sonora mestura composicións propias con fragmentos de pezas, queridas e escoitadas por Lois, de Pata Negra, Zeca Afonso, Satie, Mahler, Bach, etc…

Este espectáculo enmárcase no programa Cultura no Camiño, Letras galegas 2014, e está organizado pola Xunta de Galicia, AGADIC e o Concello de Monforte.

A segunda das representacións terá lugar no Edificio Multiusos o sábado día 7 de xuño ás 21:00 horas. Trátase da obra “A charca inútil”, unha montaxe de Teatro do Atlántico que se inclúe no programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios e que está organizada pola delegación de Cultura do Concello de Monforte.

A obra de David Desola está dirixida por Xúlio Lago e interpretada por Marcos Viéitez, Gonzalo M. Uriarte e María Barcala.

“A charca inútil” obtivo  o premio Lope de Vega 2007, cun xurado presidido por Mario Gas e composto por José Monleón, Juan Antonio Hormigón, Nacho García Garzón e Javier Villán.

Asegura o autor, facendo uso do sentido do humor,  que nos atopamos diante dun “drama ó cadrado”; esa curiosa definición podería levarnos a imaxinar un “culebrón”, ou un “melodramón”, ou un espectáculo “tremendo”. Pois non vai ser iso. Atopámonos diante dunha proposta moi especial: fermosa, chea de tenrura e humor, ó tempo que dura e profunda; unha escrita plena de sensibilidade que, como espectadores, levaranos a transitar camiños absolutamente imprevisíbles.

Desola ofrécenos un texto de moi alta calidade dentro dunha orixinal estrutura dramática e, xunto con iso, sitúanos nunha inquietante e conmovedora paisaxe humana. Personaxes adultos, fráxiles cal cativos, golpeados polas circunstancias que a vida lles impuxo, andan á procura dun burato que lles permita crer que existe a luz ó remate do túnel.

A dureza da perda é abordada polos personaxes de Desola desde a creación de mundos paralelos, nunha fuxida cara adiante á procura desesperada dun espazo de felicidade que lles permita seguir avanzando, que lles permita intuír un novo horizonte para as súas castigadas realidades. Tal vez un espellismo?. Se cadra. Ou non. Paga a pena intentalo.

Ó remate do espectáculo os espectadores tamén han crer que, malia todo, podemos ser felices.

O prezo da entrada xeral será de 5 €, mentres que para os nenos, estudantes, desempregados e xubilados o prezo será de 3 €.

 

3 de xuño de 2014 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.