Diego Ocampo clausurará as xornadas da Aula Formativa do Adestrador Galego
O técnico Diego Ocampo, asistente de Aíto García Reneses no Cajasol da liga Endesa, impartirá en Santiago de Compostela a última charla do curso 2013 – 2014 da “Aula Formativa do Adestrador Galego”, que organiza o Rio Natura Monbus en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto.
O programa didáctico común da FEGABA e o Rio Natura Monbus, a “Aula Formativa do Adestrador Galego”, convoca esta última sesión dirixida por Diego Ocampo para o vindeiro venres, 27 de xuño ás 19.00h.
Nesta data, e co Pavillón do Instituto Rosalía de Castro como escenario, Ocampo impartirá unha clase teórico – práctica coa “Técnica Individual Defensiva” como eixo temático central. Durante a mesma poderá comprobarse a ampla e enriquecedora experiencia que atesoura o galego tras anos de estar presente en competición ao máis alto nivel.
Os técnicos que desexen participar deben solicitar a súa inscrición enviando email a: adestradores@fegaba.com especificando o seu nome, apelidos e o título da charla.
Xunto a Diego Ocampo, completan o cartel desta segunda edición do “Clínic Desmontando ao Adestrador Axudante”, adestradores de renome como Agustí Julbe (ex adestrador axudante F.C.Barcelona), Federico Fucá (adestrador axudante Virtus Roma) e Jordi Fernández (adestrador axudante Cleveland Cavaliers) entre outros. Tamén intervirán o psicólogo deportivo, Juancho Armental, e os consultores Alberto Camba e Jose Alonso que falarán sobre o uso das novas tecnoloxías dedicado ao baloncesto profesional.
O prazo de inscrición permanecerá aberto até o 1 de xullo (ou até completar o número de prazas dispoñibles). Para inscribirche no clinic, os interesados deben encher os datos do formulario que atoparán na páxina web do club (www.obradoirocab.com). Para máis información tamén poden contactar a través da dirección de correo electrónico clinic@obradoirocab.com











