Dez medallas galegas no campionato de España taekwondo cadete en Castellón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Galicia logrou hoxe un total de dez medallas (oito para a selección e dúas para deportistas de clubs galegos) no Campionato de España cadete que se está a celebrar en Marina D´Or (Castellón). En total, catro ouros, unha prata e cinco bronces para as e os deportistas galegos. Ademais, na clasificación por equipos Galicia foi prata na categoría masculina e na xeral. Mañá será a quenda para os sub 21, onde Galicia tentará sumar tamén moitas medallas.

No campionato de España cadete había unha altísima participación, con máis de 400 deportistas, polo que as medallas estiveron moi “caras”. A Federación Galega de Taekwondo presentaba unha selección formada por 26 taekwondistas (12 chicos e 14 mulleres). E os resultados foron moi positivos para o combinado galego, co catro ouros e catro bronces. A iso, hai que sumar unha prata dun deportista do Natural Sport e un bronce (que viaxaban co seu club).

En -61 quilogramos houbo final galega. Javier González (Mace Sport) logrou a praza na final tras superar a Gradomir por K.O. (ía gañando por un cómodo 6-1, cando tivo lugar o K.O.). Na final, enfrontouse a Abel Seoane (do Natural) nun emocionante combate que se decidiu no punto de ouro a favor de Javier. Así, ouro para o deportista da selección galega e prata para o representante do Natural Sport Riveira.
Adrián Pombo (Maniotas, -65) logrou un clarísimo triunfo na semifinal contra Ruiz Ballet (14-0) e así se plantou na final onde superou a Leo Aparicio (Andalucía) por 6-4. Ouro para Pombo.

Pilar Rodríguez (Natural Sport Riveira, -59) logrou o pase a final cun combate exquisito fronte a Andalucía (12-0). Na loita polo ouro enfrontouse a María Ferres (Aragón) e triunfo rotundo para a galega (13-1).

Artai Pazos (Mace Sport, -49) enfrontouse na semifinal a Euskadi e logrou o triunfo nun interesante choque por 8-7. Na final superou ao representante de Murcia (7-5) e logrou o primeiro posto na clasificación.

Bronces. Ademais, houbo cinco bronces galegos. Noh Pereira (Mat´s, -53) logrou a medalla de bronce, tras caer nas semifinais contra Daniel Tizo Muñoz (Cataluña). Laura Pazos (Mat´s, +59) tivo unha complicada semifinal contra Euskadi. Chegaron empatadas (5-5) ao final do combate e tivo que resolverse todo no punto de ouro, que caeu a favor da vasca. Medalla de bronce para Pazos. Alma Pérez (Shu Sport, -41) logrou a medalla de bronce, tras caer contra Chaparro (representante de Andalucía) por 13-2. Sabela García (Patiño, -55) caeu nun apertado combate de semifinais contra Ana Pastor (8-7) e non puido lograr o pase á final. Bronce para a galega.

E por último, sinalar o bronce da deportista do Garrapucho Paula Pardo (-59), que caeu na semifinal contra Aragón (4-2).

Mañá celebrarase o campionato de España sub 21 con 290 deportistas inscritos. Os combates serán de tres asaltos de 90 segundos, cun descanso de medio minuto entre os asaltos. O pasado ano a selección galega de taekwondo logrou un total de once medallas (oito bronces e tres pratas) no Campionato de España sub 21, que se celebrou en Oropesa. Por equipos, Galicia logrou o bronce na categoría feminina.

14 de xuño de 2014 | 21:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.