Dez centros comerciais abertos e 7 prazas de abastos de Vigo beneficiaranse de 86 accións de impulso ao comercio de proximidade
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, vén de conceder case 400.000 euros para levar a cabo un total de 86 accións de impulso ao comercio de proximidade destinadas a 10 centros comerciais abertos (CCA) e 7 prazas de abastos pertencentes a 6 concellos de Vigo e a súa área territorial.
Concretamente, os concellos son Vigo, Baiona, Redondela, Moaña, Cangas e O Porriño e as subvencións outórganse ás asociacións de comerciantes dos centros comerciais abertos e das prazas de abastos para levar a cabo accións de dinamización e fidelización así coma melloras nos equipamentos coas que se pretenden impulsar as vendas e mellorar os servizos que se ofrecen.
Coma informou esta mañá a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, Ignacio Rial, este ano na área de Vigo as axudas ascenderon a 391.153,69 euros, o que supón un 9% máis con respecto ao ano 2013 para chegar a realizar un total de 86 actuacións nos 10 CCAs e 7 prazas de abastos.
Entre os 4 tipos de accións subvencionables (dinamización comercial, sistemas de fidelización, comercialización externa e mellora da competitividade comercial) na área de Vigo destacan as de dinamización comercial cun total de 67 actividades, o que significa un 78% do total. Polo tanto os proxectos que priman tanto en CCA como en prazas de abastos son os de realización de campañas de promoción así como a elaboración de material promocional das actuacións desenvolvidas.
De feito, coma explicaron na rolda de prensa, o comercio de proximidade da provincia de Pontevedra é dos máis activos e dinámicos de toda a Comunidade Autónoma, de aí que o sector reciba este ano o maior número de axudas de Galicia ata chegar a un importe total de 975.026,73 euros, case o 50% do orzamento total dispoñible (1,9 millóns de euros).
Vigo cidade
A responsable da Xunta en Vigo fixo especial fincapé ao caso da cidade olívica, onde se outorgaron subvencións por un importe total de 207.000 euros a 5 CCAs e 5 prazas de abastos, destacando coma novidade, con respecto ao ano pasado, que a Asociación de Comerciantes e Hostalería VigoVello e a Asociación de empresarios do Mercado do Berbés incorporáronse ao listado de beneficiados.
Bravo Bosch explicou que as campañas subvencionadas están xa en camiño de converterse en todo un clásico no tecido comercial da nosa cidade. Así, algunhas delas son, por exemplo, “Traviesas con encanto”, “Noite encantada”, “Soho zona centro”, “Campaña noite blanca” ou “Campaña Curtas na rúa”, entre outras.
Os apoios para cada centro comercial aberto poden chegar ata os 40.000 euros e alcanzar ata o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, sendo a subvención máxima de 9.800 euros.
Este programa enmárcase na estratexia específica da Xunta para impulsar o sector comercial e mellorar a súa competitividade, centrada en eixos como o apoio ao asociacionismo, o emprendemento, o relevo xeracional, ou a innovación; estratexia dentro da cal se levan activado no que vai de ano programas de axudas dotados con máis de 6,5 millóns de euros.
Así, tamén no eido do impulso ao asociacionismo comercial, púxose en marcha a orde destinada a apoiar o labor que desenvolven as federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal, dotada con 800.000 euros e en fase de resolución.
Activouse así mesmo o programa de apoios aos concellos galegos para potenciar os mercados e prazas de abastos e impulsar a competitividade do comercio de proximidade, dotado con 3,1 millóns de euros, tamén en fase de resolución, e, no ámbito do emprendemento, está aberto á presentación de solicitudes ata o 30 de xuño a nova convocatoria para a apertura de establecementos comerciais, que conta cunha dotación inicial de 500.000 euros.











