Dez adegas, tres aloxamentos e catro restaurantes da Ribeira Sacra participan na xornada de portas abertas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

A delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias presentou hoxe en Monforte o programa das III Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños na área xeográfica da Ribeira Sacra, impulsado por Turismo de Galicia, en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Esta zona acollerá os vindeiros días 7 e 8 de xuño estas xornadas que teñen por obxectivo “potenciar a enogastronomía como atractivo turístico para a nosa comunidade”, tal e como expuxo Arias. En total, dez adegas, catro restaurantes e tres aloxamentos da zona participan nesta terceira edición do programa impulsado por Turismo de Galicia.

A delegada, acompañada polo presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, e a coordinadora da Ruta dos Viños na Ribeira Sacra, Marta Villén, indicou que, no caso das adegas, seis das que participan no programa están situadas na provincia de Lugo (Adegas Moure, Casa Moreiras, Mondelo, Vía Romana, Algueira e Regina Viarum), así como dous dos restaurantes (Mogay e Rectoral de Castillón) e un aloxamento (Casa das Xacias).

A representante do Executivo galego explicou que un dos obxectivos prioritarios polo que se crean estes produtos turísticos é “reforzar e dotar de contido á marca turística Galicia”. Segundo indicou, neste sentido, para a Ribeira Sacra é importante “seguir a desenvolver o enoturismo como unha oportunidade de negocio que contribúan a favorecer o rendemento económico” da primeira actividade da maioría dos concellos da Ribeira Sacra.

“É por isto –continuou Arias- que Turismo de Galicia está a desenvolver iniciativas que contribúan á posta en valor e á promoción, deseñando produtos e programas novidosos que fagan atractivo o destino”. Segundo explicou a delegada, a riqueza gastronómica e enolóxica do destino Galicia, que ten un exemplo na Ribeira Sacra, lévanos a considerar este recurso como produto principal da oferta turística galega, ou ben, como produto complementario, dado que pode incorporarse a outros produtos turísticos preexistentes, enriquecendo deste modo as experiencias que motivan ao viaxeiro a elixir como destino o noso territorio.

“O turismo enogastronómico é considerado como unha peza clave a potenciar no sector turístico de Galicia, algo que para o caso da Ribeira Sacra, cobra plena vixencia. E máis se temos en conta que constitúe a segunda motivación, despois da natureza, pola que os turistas elixen Galicia para as súas estadías vacacionais ou de lecer”, apreciou Arias.

Segundo explicou a delegada, as dúas primeiras edicións das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños tiveron gran acollida e nesta terceira edición quíxose “manter a mesma esencia, pero incorporar novidades que fagan atractiva esta nova xornada”. Deste xeito, mantense un programa completo de actividades de enoturismo, ao que se engaden importantes reclamos.

O programa das Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños da Ribeira Sacra levarase a cabo durante as xornadas do sábado e o domingo da próxima fin de semana. Nestes días, as adegas da denominación que participan na iniciativa ofrecerán de balde visitas guiadas polas súas instalacións e degustacións dos seus viños.

Pola súa banda, Juan Carlos Armesto, asegurou que, dentro do programa previsto para esta zona, durante a fin de semana funcionará tamén “o viñobús da Ribeira Sacra, con viaxes gratuítas”. Este servizo contará con saídas dende Ourense, Monforte e Chantada. É preciso reserva previa, para o que se pode recibir máis información na dirección de correo electrónico rutavino@ribeirasacra.org e nos teléfonos 698.167.991 e 982.410.968.

Oferta complementaria na Ribeira Sacra

A oferta complementaria que acompañará a degustación dos caldos con Denominación de Orixe Ribeira Sacra complétase coas seguintes opcións:

-Tren Turístico da Ribeira Sacra. Visita unha adega con degustación do seu viño, paso por miradoiros sobre o Canón do Sil e máis un xantar no restaurante A Cantina.
-Paseos en lancha pola Ribeira Sacra ofrecido por Quinta Sacra, con cata de viños da denominación.
-Visitas gratuítas á exposición do Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra e ao Ecomuseo de Arxeriz.
-Visitas gratuítas na Ruta do Románico.

Como novidade, o sábado ás oito da tarde celebrarase unha cata de viños a cargo do sumiller Bruno Lovelle. A entrada e libre ata completar o aforo do Centro do Viño de Ribeira Sacra en Monforte.

En total, unha quincena de empresas de Lugo participan nesta iniciativa das rutas dos viños, coa que se activa tamén de maneira relevante o tecido socioeconómico da zona nestas datas.

Toda a información pormenorizada desta xornada está dispoñible nas páxinas www.turgalicia.es e www.ribeirasacra.org . Na web de Turgalicia tamén se pode atopar un folleto descargable, que tamén está a disposición dos interesados nas oficinas de Turismo de Galicia. Este folleto ven acompañado dun mapa de Galicia onde están sinalizadas as cinco Denominacións de Orixe: Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Valdeorras e, por suposto, Ribeira Sacra, con todas as adegas, restaurantes e aloxamentos participantes.

App enoturismo

Como valor engadido a este programa e tamén integrado no Plan de Gastronomía de Galicia, deseñouse unha ferramenta para promocionar o enoturismo utilizando as tecnoloxías dos teléfonos intelixentes.

Esta aplicación é gratuíta e pódese buscar nas bibliotecas ou app stores dos móviles de última xeración (Iphone, Android ou Blackberry) tecleando as palabras ENOTURISMO GALICIA.

A información actualizase en tempo real cada vez que se introduce nova información na web de Turismo de Galicia e proporciónase en tres idiomas: galego castelán e inglés, de xeito que o usuario opta polo idioma que prefira dende a primeira pantalla de presentación.

Concurso Turismo de Galicia
Doutra parte, Turismo de Galicia desenvolve na rede social Facebook un concurso, no que se sortean cinco billetes para o tren turístico da Ruta do Viño da Ribeira Sacra. Pódese participar subindo unha foto da asistencia á terceira edición das Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia a través da conta de Facebook da Ruta do Viño da Ribeira Sacra.

5 de xuño de 2014 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.