Derradeiro concerto de “A miña primeira Rosalía” en Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónCalendario
A-
A+

O auditorio do Centro Social Polivalente de Brión acollerá este venres o derradeiro concerto de “A miña primeira Rosalía”, un espectáculo baseado no libro-CD do mesmo nome editado por Edicións Xerais de Galicia co gallo da celebración do cento cincuenta aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Trátase dun espectáculo de máis dunha hora de duración no que participan Xiana Lastra, María Manuela, Mini e Mero e que os veciños e veciñas de Brión poderán disfrutar totalmente de balde este venres 27 de xuño, ás 20:30 horas. A entrada é totalmente gratuíta ata completar aforo.

Brión porá o broche de ouro a unha xira de case un ano iniciada no Teatro Jofre (Ferrol) e no Teatro Principal (Santiago) e que percorreu numerosas vilas de Galicia ofrecendo os textos de Rosalía de Castro introducidos por pequenos vídeos que recollen opinións sobre a escritora da man de persoas relacionadas co estudo da súa obra. Os brioneses poderán disfrutar das voces de María Manuela, Mero, Mini e Xiana Lastra, acompañados de músicos como Nani García, Xurxo Varela, Adrián Saavedra, Nuria Lestegás, Manolo Dopico, Paco Barreiro, Roberto Grandal, Simón García e Xoán Collazo.

As cantigas que conforman o repertorio son: O forno está sin pan, Vente rapasa, Tecín soia, Paseniño, Lévame a aqueia fonte cristaíña, No ceo azul crarísimo, Miña santa Margarida, Negra sombra, A xusticia poia man, Vamos bebendo e Mais ó que ben quixo un día. Esta actuación está organizada polo Concello de Brión, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, e producida por Seispés, produccións creativas. Os asistentes tamén terán a posibilidade de mercar o libro-CD “A miña primeira Rosalía”.

23 de xuño de 2014 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.