Delagro e Repsol asinan un acordo para a distribución de combustible nas cooperativas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Sinatura do convenio entre Repsol e Delagro

Sinatura do convenio entre Repsol e Delagro

Tras varios meses de negociacións con distintos operadores, DELAGRO S. COOP. chegou a un acordo con REPSOL COMERCIAL DE PRODUTOS PETROLÍFEROS, S.A. para a distribución de diferentes combustibles, tanto para unidades de subministración ou gasolineiras das súas cooperativas socias como para a distribución de venda a domicilio dos socios destas.

Con este pacto comercial, Delagro pretende lograr unha reorganización da distribución de combustibles ás cooperativas e os seus socios en Galicia, achegando competitividade no prezo, pero sen minguar a calidade e seguridade dos produtos que ofrece Repsol.

O acordo definitivo foi asinado o xoves 5 de xuño nas instalacións de Delagro en Santiago de Compostela por Javier Taboada, presidente de Delagro, e José Castor Cobas, responsable comercial de Repsol. Á firma acudiron ademais, por parte de Repsol, Antonio Mais Albareda (Desenvolvo Produtos e Servizos NON-OIL), José Mª Antón García (delegado territorial VVDD delegación Noroeste), Ricardo García González e Óscar Pazos Buxó (xefes provinciais de Áreas Comerciais). Por parte de Delagro, Carlos Castro (director xeral), José Enrique Otero (director técnico de Agris S. Coop. Galega) e Juanjo González (responsable da área de combustibles).

Delagro reitera na firma, a importancia da calidade contrastada do produto Repsol, tanto en Gasóleo A mediante o Diesel e+ (o carburante deseñado para alargar a vida dos motores diesel), en Gasóleo B mediante o Agrodiesel e+10 enfocado ao sector agrícola, e no Gasóleo C mediante o Energy e+, de maior poder calorífico e rendemento para a caldeira.

Ao longo das próximas semanas porase en marcha todo o dispositivo para que as distintas cooperativas así como os seus respectivos socios poidan dispor dos servizos que o acordo lles pode achegar.

Delagro integra cooperativas de Asturias, Cantabria e Galicia. Fortemente asentada como central de compras, conta cunha potente estrutura departamental en alimentación e produción vexetal e animal, automoción, fertilizantes, combustibles, etc., á vez que estende a súa actividade á área de asesoramento e mercadotecnia entre outras.

10 de xuño de 2014 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.