De Segovia repite vitoria na XIII Volta Ciclista á Provincia da Coruña

Podio da Volta Ciclista á Provincia da Coruña
José Antonio De Segovia, dos Supermercados Froiz, repetiu triunfo na Volta á Provincia da Coruña, por segundo ano consecutivo, tras a celebración da terceira e última etapa: Melide – Melide, de 128,5 quilómetros, que se adxudicou David Santilla (Gsport), nun apertado esprín co portugués Coutinho (Liberty), e co padronés Mariño (Supermercados Froiz), en terceira posición.
A última etapa non achegou cambios significativos na xeral, ao cruzar a meta no mesmo tempo un pelotón numeroso, no que se incluían os mellores ciclistas das dúas xornadas anteriores. O dominio de José Antonio De Segovia, gañador das dúas primeiras etapas, foi máis amplo do segundo que sacou ao segundo e terceiro da xeral, o seu compañeiro de equipo Pedro Merino e a Alberto Galego (Bicicletas Rodríguez – Estremadura).
A última etapa foi menos transcendente do esperado, aínda que igual de disputada que as anteriores. Tras o corte da cinta -a cargo da alcaldesa de Melide, dona Ángeles Vázquez-, deuse a saída, como en días anteriores baixo a choiva. A primeira escapada, moi fugaz, protagonizouna Jonathan González (Cidade de Oviedo). A continuación, e por dúas veces, tentouno Iván Raña, que correu a volta coas cores do Cambre-Caeiro, como preparación para o Ironman de Austria. Mal momento para aventuras. Estaba en disputa a xeral das metas volantes e o pelotón non quería facer concesións. Esta batalla gañouna o portugués Coutinho, que levou a xeral final dos esprines intermedios.
Os intentos de escapada continuaron. O máis significativo produciuse cando a carreira se aproximaba aos dous portos da xornada, situados no terzo final do percorrido. Varios ciclistas tentábano ata que quedou na cabeza de carreira un cuarteto composto polo redondelano Salgueiro (Lola Lola – Gomistar), o cambadés Ángel Sánchez (Aluminios Cortizo), o lucense Emérito Fernández (Cambre-Caeiro) e o cordobés Cubero (Bicicletas Rodríguez). A esas alturas da carreira causaba certa sorpresa ver na cabeza a Emérito, un ciclista que practicamente acaba de aterrar no ciclismo.
No primeiro porto, Salgueiro e Cubero marcháronse por diante, mantendo durante bastante tempo unha diferenza en torno ao minuto sobre o pelotón. Salgueiro aínda coroaría en solitario o alto de Condes, a 8 quilómetros de meta, pero no descenso cara a Melide era alcanzado por un pelotón que foi gañando unidades nese tramo final, para presentarse compacto na recta de meta, moi concorrida de público.
Nas rúas de Melide só quedaba por decidir o gañador da etapa, finalmente, David Santillana, e o primeiro galego, que se disputaban por postos Mariño e Adolfo Vicente. O padronés, terceiro, non deu opción ao ciclista do Cambre – Caeiro. O primeiro sub 23 foi Gonzalo Andrés (Cidade de Oviedo) e por equipos tamén venceu os Supermercados Froiz.
A entrega de premios pechou as XIII Volta Ciclista á Provincia da Coruña, acto que estivo presidido pola alcaldesa de Melide, Ángeles Vázquez, o deputado provincial e alcalde de Sobrado, Jacobo Fernández; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, entidade organizadora, Manuel Tallón.
RESUMO FINAL
Paradoxalmente, nestes tempos de crises o pelotón elite-sub 23 eleva o seu nivel de calidade, ao recalar nel ciclistas que en circunstancias máis favorables terían un oco no pelotón profesional.
Nesta conxuntura hai que avaliar a actuación do pelotón galego, que quere ver tamén brotes verdes que auguren unha substitución xeracional ao amplo elenco de corredores que levou o noso ciclismo nas dúas últimas décadas a altas cotas internacionais. A súa actuación, en xeral, non foi tan rutilante como a do ano pasado, si seica porque pervive o recordo da gran actuación do padronés Martín Lestido, iso, si sobre un terreo que talvez se adaptaba mellor aos seus grandes dotes de escalador.
O compromiso dos clubs galegos, no entanto, segue en todo o alto, como o demostra que poidan reunirse sete equipos de Galicia en liña de saída, algo que poucas comunidades pode facer na actualidade, e, á marxe da supremacía dos Supermercados Froiz, todos tiveron unha actuación meritoria.
A nivel organizativo Galicia, neste caso responsabilidade da Federación Galega, tamén brilla a gran altura, con infraestruturas e detalles organizativos que pouco teñen que envexar a moitas das roldas do calendario profesional. Iso volveu a quedar patente nesta edición e explica o que a rolda coruñesa alcanzara xa a décimo terceira edición, plenamente consolidada no calendario elite-sub 23 español. Só falta que eses brotes verdes atopen un tempo propicio para crecer.











