Currás pide o aprazamento do pleno ordinario de Santiago para que se celebre co novo goberno
O alcalde de Santiago, Ángel Currás, convocou unha xunta de portavoces local para este xoves na que exporá á oposición suspender o pleno ordinario de xuño, que tería que celebrarse o día 26, á espera de que a xunta electoral remita as credenciais dos novos concelleiros, entre elas a da súa propia substitución á fronte do Consistorio, Agustín Hernández.
Uns minutos antes da sesión na que se ratificou a renuncia dos sete edís inhabilitados e da tamén concelleira Rebeca Domínguez, o que dá vía libre para a incorporación de Hernández unha vez que responda a xunta electoral, Currás chamou aos portavoces locais do PSOE, Francisco Reyes, e do BNG, Rubén Cela, para manter unha conversación fora do salón de plenos.
Reyes e Cela confirmaron que o alcalde lles expuxo a celebración dunha xunta de portavoces para aprazar o pleno ordinario de xuño. As sesións ordinarias, por decreto e desde o inicio de mandato, celébranse no Pazo de Raxoi o último xoves de cada mes.
Ambos os portavoces condicionaron a postura dos seus grupos ás “explicacións” que dea o rexedor para o adiantamento desta sesión. “En función de como sexa teremos que falalo”, sinalou o portavoz nacionalista, na mesma liña que Reyes, quen incidiu en que os socialistas esperarán “a ver as explicacións” de Currás antes de dar “unha resposta”.
En todo caso, preguntado sobre se vincula esta petición de adiamento á intención do PP de evitar unha fotografía como a que se plasmou no pleno extraordinario deste mércores, cunha minoría de edís populares -só catro de 13, incluído o propio alcalde-, Reyes non o descartou. “É unha boa pregunta e esperemos que mañá haxa resposta”, resolveu.
“NON HAI NADA URXENTE”
Pola súa banda, Currás rexeitou facer declaracións aos medios, pero fontes próximas concretaron que a xunta de portavoces está convocada este xoves para as 10,15 horas e que o rexedor expuxo suspender o pleno ordinario (para o que necesita o consenso da oposición) por unha cuestión de “lóxica”.
As mesmas fontes sinalaron que o Pazo de Raxoi vive estes días “un momento de transición” e que o alcalde considera que, tendo en conta que “non hai ningún asunto urxente que abordar, porque o Concello seguiu funcionando con normalidade”, o “lóxico” é que a sesión ordinaria se celebre cando Hernández e o seu equipo -con sete edís non electos- estean xa no Consistorio.











