Currás convértese no segundo alcalde de Santiago que dimite durante este mandato
Ángel Currás Fernández, de 59 anos de idade, asumía fai pouco máis de dous anos o bastón de mando de Santiago de Compostela de mans de Gerardo Conde Roa evidenciando a súa vocación de “continuidade” porque cambiara “o capitán, pero non a nave”. Non obstante, como o seu predecesor na Alcaldía compostelana, que foi forzado a dimitir tras a súa imputación por un delito de fraude fiscal pola que logo foi condenado, tampouco puido completar o mandato.
Na súa comparecencia pública na que confirmou a súa dimisión como alcalde, Ángel Currás, sobre quen pesa unha imputación na Operación Pokémon e outra nunha causa por suposto acoso a un policía local, non deixou claro se tamén renunciará á súa acta de edil na corporación compostelana. Preguntado ao respecto, indicou que polo momento non se fai esa formulación. “Xa veremos o que facemos. Eu colaborarei na medida que poida”, afirmou.
Dun total de 13 concelleiros, o primeiro tenente de alcalde de Santiago, Reyes Leis, é a única edil do PP en Santiago que permanece dende o principio da lexislatura e sobre a cal non pesa ningunha imputación. O grupo municipal do PP en Santiago está integrado tamén por Luis Meijide Rodríguez e José María Rosende Rico, concelleiros que non teñen competencias atribuídas e que entraron na casa do concello ao ir correndo a lista polas sucesivas dimisións.
CADEA DE DIMISIÓNS
Nesa nave que debeu pilotar dende o 17 de abril de 2012 Currás viaxaban 13 edís e o naufraxio que provocou a dimisión forzada de Conde Roa e a guerra aberta no grupo municipal popular pola súa substituciónfoi aínda maior cando se confirmou a imputación na Operación Pokémon de Rebeca Domínguez. Esta concelleiro entrou na corporación en maio de 2012 ao correr a lista coa marcha do exalcalde e substituíu no departamento de Educación ao propio Ángel Currás.
En decembro de 2012, aos poucos meses da súa aterraxe no Concello compostelano, Rebeca Domínguez foi imputada pola xuíza Pilar de Lara na Operación Pokémon, ante a cal declarou en relación a un suposto delito de tráfico de influencias na contratación do persoal da escola infantil de Salgueiriños, que fora adxudicado a Sermasa, empresa do Grupo Vendex.
IMPUTACIÓN DE CURRÁS
O seguinte embate xudicial foi, precisamente, a principios de 2013 a imputación do propio Currás na Pokémon, que investiga supostos pagamentos de empresas a políticos a cambio de concesións públicas.
Transcorrido pouco máis dun mes foi Albino Vázquez Aldrey quen tivo que presentar a súa dimisión como concelleiro de Mobilidade e Seguridade Vial do Concello de Santiago tras ser detido na Operación Manga, derivada da Pokémon.
E xa en maio do ano pasado sumouse á lista de imputados na investigación da xuíza Pilar de Lara o que era concelleiro de Deportes, Adrián Varela. Este edil está, á súa vez, na orixe da inhabilitación durante nove anos doutros sete concelleiros que aprobaron que o Concello compostelano pagase a súa defensa.
Unha semana antes de transcender a sentenza que condenaba aos seus sete compañeiros de corporación, Adrián Varela presentou a súa dimisión, segundo a súa versión, en “solidariedade” cos seus compañeiros que tiveran que sentar no banco había uns días. Non obstante, tan só horas despois de dar esta versión, transcendeu que este novo político presentara a súa renuncia o mesmo día en que foi citado a declarar en calidade de querelado, a raíz da denuncia presentada contra el pola CIG despois de que pedise o despedimento da muller dun sindicalista.
A vía de auga aberta no Concello compostelano ensanchouse o luns da semana pasada, cando o Xulgado do Penal número 1 de Santiago confirmou a condena a sete edís por aprobar o pagamento con fondos municipais da defensa de Varela nunha xunta de goberno da que se ausentara Ángel Currás e o seu número dous, Reyes Leis.
PRESIÓNS
A dura condena coñecida o luns da semana pasada abocó a estes edís á dimisión, mentres que horas despois se sumaba á decisión de abandonar o barco do Concello compostelano Rebeca Domínguez. Dende o pasado martes Currás esforzouse en transmitir que podía recompoñer o equipo de Goberno cubrindo as nove vacantes, aínda que fose maioritariamente a custa de recorrer a non electos, debido á imposibilidade de atopar substitutos na propia lista electoral coa que o PP concorreu ás municipais de 2011.
Non obstante, dende a súa volta dunha viaxe oficial a Xapón, o presidente da Xunta e dos ‘populares’ galegos, Alberto Núñez Feijóo, evitou avalar publicamente a Currás e alegou que é a el a quen correspondía “tomar a decisión que considere oportuna”. O sábado Feijóo continuou na postura de desvincularse das decisións de Ángel Currás, pero asegurou que se “vai garantir a gobernabilidade no Concello de Santiago” para rematar a lexislatura cun “goberno estable”.
Esta mesma mañá, foi o presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PP na provincia coruñesa, Diego Calvo, quen fixo explícito dunha forma máis clara as presións para que Currás tamén abandonase a nave compostelana. Así, instou o rexedor a que “reconsidere a súa opción”, ao ser preguntado se debería presentar a súa dimisión. “Que o pense ben e decida”, chegou a advertir.
TRAXECTORIA
Ángel Currás fora o candidato de Conde Roa para relevalo na Alcaldía, fronte ás preferencias da dirección autonómica por Paula Prado, quen, non obstante, tamén tivo que dimitir como voceiro do PPdeG ao resultar tamén salpicada pola Pokémon, aínda que polo momento non está imputada.
Ángel Currás é irmán de Celso Currás, que foi conselleiro de Educación con Manuel Fraga. Antes de ser alcalde foi edil dende a lexislatura 2007-2011 e tras gañar o PP con maioría absoluta as eleccións de maio de 2011, exerceu como primeiro tenente de alcalde e como concelleiro de Cultura, Educación e Normalización Lingüística.
Currás é doutor en Ciencias Biolóxicas e catedrático de Ensino Secundario no Instituto Arcebispo Xelmírez I de Santiago. Ten experiencia na xestión de proxectos culturais, primeiro como xerente do proxecto cultural ‘Santiago de Compostela, cidade europea da cultura do ano 2000’, entre 1996 e 2001, e despois como director-xerente da Fundación Pública Cidade da Cultura de Galicia, dende xaneiro de 2001 a setembro de 2005.











