Costa Noroeste manifesta o seu apoio ao sector da madeira ante a baixada de prezos
A Asociación Costa Noroeste, que preside o alcalde ferrolán Jose Manuel Rey Varela, acordou na reunión da súa xunta directiva celebrada esta semana no concello de Cerdido manifestar por unanimidade o seu apoio ao sector da madeira ante a baixada de prezos por parte de empresas fabricantes de pasta de papel e que este colectivo considera “inxusta e arbitraria”. Deste xeito, a Asociación Costa Noroeste atende á solicitude que na propia xuntanza da directiva da entidade expresou Julio Aneiros Lorenzo, en calidade de portavoz dunha vintena de asociacións de propietarios forestais repartidas xeograficamente dende Carballo até Ribadeo.
Dende a Asociación Costa Noroeste recórdase que a madeira sempre foi un sector de vital importancia na zona e que esta baixada de prezos afectará sensiblemente ás economías de moitos fogares, Ante esta situación a Asociación Costa Noroeste fai un chamamento o diálogo a fin de chegar a un entendemento entre as empresas fabricantes de pasta de papel e os produtores de madeira en relación aos prezos e condicións da explotación forestal. Así mesmo, Costa Noroeste pide á administración autonómica que medie para que as partes implicadas abran unha vía de negociación.
Cómpre salientar que a Asociación Costa Noroeste conta entre os seus integrantes con diferentes entidades cuxa actividade está directamente relacionada co ámbito agroforestal.











