‘Coruña Corre’ regresa coa Baixada Popular de Cros de San Pedro de Visma
O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, acompañado polo presidente da Asociación de Veciños de Loureiro de Visma, Fernando Fernández, o vogal de Deportes da entidade veciñal, Xosé Lois Cortés, e a presidenta do Club Riazor Coruña, Margot Garnelo, presentou a VII edición da Baixada Popular de Cros de San Pedro de Visma, que se enmarca dentro do II Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre. Con ela renóvase o circuíto despois do parón pola celebración do Maratón Atlántica Coruña42, dando paso á segunda metade das citas programadas no calendario do circuíto.
A proba, que se celebrará o próximo 29 de xuño, contará coa participación dos máis de 1.700 inscritos en Coruña Corre, que poderán gozar dunha carreira diferente xa que a Baixada Popular de San Pedro de Visma ten como principal singularidade o combinar zonas de asfalto e zonas de terra polo Parque de Bens. Tamén poderán sumarse á cita todos aqueles que desexen participar nesta carreira e que non estean anotados no circuíto. Para iso poderán facelo a través da plataforma na web www.champioonchipnorte.com , abonando un custo de inscrición de 3 € aqueles que sexan posuidores de chip amarelo, mentres que o resto deberán sumar 2 € máis en concepto de aluguer de chip.
A carreira absoluta, de 7 quilómetros, celebrarase ás 10.30 horas dando paso a continuación ás carreiras de menores, as cales se disputarán nas distancias de anteriores carreiras. Como en todas as carreiras do Coruña Corre contarase coa categoría Pitufos, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete e Xuvenil.
O II Circuíto Coruña Corre creceu exponencialmente en número de participantes na súa segunda edición, cumprindo os seus obxectivos de fomentar o deporte, aglutinar ao gran número de carreiras populares en ruta que se organizan actualmente no municipio e involucrar ás asociacións veciñais e clubs de atletismo. A iniciativa reitera o compromiso do Goberno municipal co deporte, os barrios e por unir xeracións, coa familia como un dos fíos condutores do proxecto xa que se inclúe unha clasificación familiar, á que esta tempada se uniu unha clasificación por equipos mixtos, que axudou a que a participación feminina elevouse nas últimas carreiras dun 13% a un 25% do total.











