Corte de tráfico na estrada que une a LU-546 co Chao do Fabeiro
A concellería de Tráfico informa que, segundo comunica a Xunta de Galicia e por mor das obras do corredor Sarria-Monforte, a partir do vindeiro martes día 10 de xuño e polo prazo de tres meses, cortarase á circulación de vehículos a vía municipal que une a estrada LU-546 coa parroquia de Chao do Fabeiro.
Segundo informa a Xunta de Galicia, na contorna de Ribasaltas e O Chao do Fabeiro construirase un ramal que conectará o futuro enlace Monforte Norte do citado corredor coa estrada LU-546. Este ramal sitúase no actual emprazamento da estrada municipal que une a LU-546 coa parroquia de O Chao do Fabeiro, nun traxecto duns 770 metros coincidentes coa estrada existente.
A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, comunica que para executar este ramal é necesario proceder á demolición da vía existente nese treito e, polo tanto, ó corte total da circulación. Dende a consellería sinalan qué, ata o de agora, fixéronse os traballos compatibles co mantemento da circulación, reducindo ó mínimo posible o prazo de corte total do tráfico rodado.
Dende a consellería manifestan que se sinalizará o desvío recomendado (polo camiño de servizo da canle de regadío ata a estrada LU-P-3202), aínda que existen outros percorridos susceptibles de seren utilizados en función da orixe e destino dos desprazamentos.











