Corpos técnico e directivo do Rio Natura Monbus renovan os seus abonos
O técnico do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández, quixo renovar o seu abono familiar antes do próximo luns, 30 de xuño, para non perderse o desconto adicional dun 5% por renovación rápida.
Fernández lembrou a importancia de que a masa social siga apoiando ao club e animou a todo o mundo a renovar o seu abono para seguir gozando de baloncesto de primeira categoría cada dous fins de semana na mellor compañía posible: familia, amigos ou simplemente outros afeccionados que compartan a súa paixón polo equipo obradoirista.
O abono familiar, un dos máis solicitados polos afeccionados, mantén os mesmos prezos da tempada pasada. Ideal para calquera familia de tres membros ou máis, o seu custo vai desde 550 euros en fondos, 792 euros en Tribunas 2, 1.188 euros en Tribunas 1 ou desde 1.408 euros en Tribuna Retráctil. Ademais, as familias con máis de cinco membros só pagan até o quinto, sendo os seguintes membros gratuítos.
As renovacións continúan a bo ritmo grazas a este tipo de descontos que o club realiza, así como aos prezos reducidos pensados para desempregados de longa duración, estudantes menores de 25, mozos menores de 18, maiores de 65 ou federados do baloncesto. Esta campaña, ademais, baixou o prezo dos abonos en Tribuna 1 e en Tribuna Retráctil.
Tamén están a ter un gran éxito as facilidades de pago ofrecidas, permitindo fraccionar o pago en 3, 6, 9, 10 ou 12 meses con calquera tarxeta de crédito de Novagalicia Banco sen ningún interese para o afeccionado, xa que o propio club corre con eles.











