Cores Tourís visita as obras da estrada PO-542 en Pontevedra

Cores Tourís na visita ás obras da PO-542
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o remate dos traballos de mellora da estrada PO-542 que enlaza Pontebora coa rotonda do Pino na cidade de Pontevedra executadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
O delegado territorial estivo acompañado nesta visita polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, e polo xefe provincial do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez Vilar.
A obra, que tivo un orzamento superior ós 216.000 euros, comprendeu diversas actuacións de rehabilitación da rodadura entre os quilómetros 0 e 5 destas estrada, dende a rotonda de acceso ao futuro hospital de Monte Carrasco ata a estrada de Ourense, nas parroquias de Marcón e Bora.
Os traballos consistiron principalmente no fresado e reposición das zonas de pavimento deterioradas. Nestes traballos levouse a cabo, ademais, a aplicación da coñecida como “pel de crocodilo” e “malla grosa” e procedeuse tamén á reposición da sinalización horizontal en todo o tramo.
“Como mellora da seguridade viaria”, explicou Cores Tourís, “adaptáronse as vías lentas actuais a vías rápidas e mellorouse a sinalización no entorno da glorieta de intersección coa PO-532”.
Nestes traballos aplicáronse 1.987 toneladas de mestura bituminosa en quente e 89 toneladas de betume asfático, pintándose 14.346 metros lineais de liñas de sinalización horizontal. Tamén fresáronse e pavimentaron case 82.000 metros cadrados.
O delegado territorial destacou a importancia desta obra de mellora da seguridade viaria, “xa que estamos a falar dunha estrada que soporta un importante número de vehículos ao día. Non podemos esquecer que enlaza a autopista coa nacional de Ourense e que isto supón non só un importante volume de coches senón tamén de transportes pesados”.











