publicidade hoxe

Cores Tourís comproba os traballos de substitución de iluminación da firma Ganomagoga de Ponteareas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Ponteareas

Cores Tourís na visita a Ponteareas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a firma Talleres Ganomagoga situada no polígono de A Gándara en Ponteareas onde puido comprobar a posta dun proxecto de substitución de iluminación por luminarias led que permitiu a empresa conseguir un aforro de enerxía dun 73%.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Salvador González Solla, o xefe territorial de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, así como polo xerente da empresa, Cándido González, e os directores da mesma, Juan Antonio Fernández, Andrés Domínguez, Wenceslao Muñoz, María Jesús Puzas e Jorge Marchán.

A actuación subvencionada que puido hoxe coñecer o delegado territorial consistiu na substitución da iluminación da nave con tecnoloxía LED, o que implicou a recolocación de certos puntos de luz e a modificación do tipo de luminaria.

“Deste xeito”, segundo apuntou Cándido González, “pasamos dun consumo anterior de 552,682 MWh ao ano a un consumo actual de 146,34 MWh, o que supuxo un aforro anual do 73%”. Esta redución do consumo eléctrico supuxo unha redución de emisións de 138,16 toneladas de CO2.

O investimento desta obra foi de algo máis de 65.700 euros, dos cales o 80% foi sufragado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da orde de axudas de decembro de 2013 que ten coma finalidade a prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, e que se atopan cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao que se destinaron 2,4 millóns de euros.

José Manuel Cores Tourís destacou que dese montante, 820.000 euros foron destinados a empresas da provincia de Pontevedra. “De feito, beneficiáronse destas axudas 116 empresas en Galicia, 27 delas na nosa provincia”, matizou o delegado territorial.

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente aposta polos investimentos das empresas en materia ambiental, xa que, como explicou Cores Tourís, “estas melloras acaban converténdose nunha vantaxe competitiva e traen consigo un beneficio, non só para o ambiente e a sociedade en xeral, senón tamén para as propias empresas, en aspectos tales como aforro de recursos, a prevención e xestión axeitada dos seus residuos e a prevención de riscos ambientais”.

Talleres Ganomagoga atópase instalada no polígono da Gándara de Ponteareas e conta con 7.800 metros cadrados de superficie. A empresa céntrase no desenvolvemento de proxectos de enxeñaría, deseño, fabricación, montaxe e posta en marcha final, así como mantemento, caldeirería, montaxe de estruturas metálicas e toda clase de montaxes dixitais. Conta cuns 200 traballadores e con outros dous centros de traballo ademais do de Ponteareas, un en Porriño e outro en Mos.

Os principais sectores cos que traballa son o do automóbil, o eólico, as estruturas renovables e o naval. A súa facturación supera os 13 millóns de euros anuais e nestes intres o 100% da súa produción destínase a exportación, principalmente a países do norte de Europa, Sudáfrica e Brasil.

“A nosa nave contaba inicialmente con iluminación pouco eficiente o que presentaba unha alta necesidade de mantemento, como tubos fluorescentes, lámpadas incandescentes ou halóxenas e downlights”, explicou González, quen matizou a súa produción non para nunca. “Temos catro quendas, tres pola semana, contando as noites, e o fin de semana. De feito, o noso ritmo de traballo permítenos executar unha media de 8 eólicos semanais”.

Entre os proxectos innovadores nos que está a traballar Talleres Ganomagoga atópanse a modificación de instalación de biomasa nunha planta de Navarra para aumentar a súa capacidade por substitución de caldeira; un proxecto de planta de valoración enerxética nunha empresa de Burgo del Ebro en Zaragoza e a construción dunha nova instalación para queimar biomasa 70% herbácea e 30% leñosa en Miajadas, Cáceres.

27 de xuño de 2014 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.