Cores Tourís comproba as obras do Plan Marco na parroquia de Guláns en Ponteareas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Ponteareas

Cores Tourís na visita a Ponteareas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron nos camiños rurais situados na parroquia de Guláns en Ponteareas dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla.

Nesta visita estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, así como polo concelleiro de Vías e Obras de Ponteareas, Alberto Novoa.

As obras, que contaron cun orzamento de arredor dos 72.000 euros, consistiron na mellora do firme dos camiños de O Provizo, A Muxena, e Valiñas que dan acceso ás vivendas e explotacións agrarias.

No caso do camiño de O Provizo, a Consellería de Medio Rural e Mar actuou sobre 590 metros de lonxitude. É un camiño que se atopaba moi deteriorado, polo que se reforzou o firme cunha capa de zahorra e un rego de adherencia previo. En relación a Muxena, a lonxitude de actuación foi de 225 metros, e tamén, dado o seu mal estado, tivo que ser reforzado, neste caso con aglomerado en quente.

Finalmente, no camiño de Valiñas, melloráronse 530 metros. Este vial estaba xa asfaltado, e os traballos consistiron no reforzo do firme cun rego de adherencia previo con aglomerado en quente.

“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca de Pontevedra, investiranse ao longo do presente ano un total de 500.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Ponteareas para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Pola súa banda, o alcalde da localidade, Salvador González Solla agradeceu a colaboración da Xunta cara a mellora dos camiños do rural e engadiu que seguirán a traballar dende o concello para continuar solicitando as axudas de Plan Marco de cara a continuar a reformar este tipo de vías.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de Ponteareas, o investimento en mellora de vías rurais roldou os 301.000 euros dende ese mesmo ano, executando tarefas de reforma como a construción dun depósito de auga potable en Ribadetea, e mellora de distintos camiños rurais deste concello.

19 de xuño de 2014 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.