Cores Tourís comproba as obras do plan marco en Ribadumia

Cores Tourís na visita a Ribadumia
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras de mellora da estrada rural de Sisenla a Tabueiros na parroquia de Sisán en Ribadumia, executadas a través do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar.
Nesta visita estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Salomé Peña, así como polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, e os representantes da empresa adxudicataria dos traballos.
Trátase de un camiño rural que enlaza os lugares de Sisenla e Tabueiros e nos que se levou a cabo a mellora de 850 metros lineais con varrido da superficie, regulación do firme e aplicación de aglomerado en quente. Esta estrada rural conta cun ancho de 4 metros. En total, a obra tivo un orzamento de algo máis de 44.000 euros.
O delegado territorial destacou que a nivel comarcal, en canto ao Plan Marco de mellora de estradas rurais, destináronse no presente ano 405.648 euros destinados para os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova. Estas obras permitiron a pavimentación e ensanche de vías de titularidade municipal, así como mantemento de camiños e mellora de firmes. “En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Ribadumia para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.
De feito, a alcaldesa da localidade, Salomé Peña, agradeceu o esforzo da Consellería de Medio Rural e Mar por mellorar os accesos a explotacións agrarias e viñedos. “Non podemos esquecer que estamos a falar de melloras de estradas que teñen especialmente esa finalidade, acceder a ese tipo de parcelas”, explicou Peña, quen deixou claro que o concello de Ribadumia continuará a traballar para seguir mellorando este tipo de viais, pavimentando camiños e ancheando. “Nos últimos meses, tamén se reformaron dous camiños en Couto de Arriba e en Barral”, rematou a rexedora.
Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de Ribadumia, o investimento en mellora de vías rurais roldou os 452.000 euros dende ese mesmo ano, executándose, entre outras obras, melloras de acceso a explotacións de viñedos.











