publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras do Plan Marco en Mondariz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondarizPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Mondariz

Cores Tourís na visita a Mondariz

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se están a executar para a mellora de unha estrada rural do Concello de Mondariz dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde da localidade, Julio Alén.

Nesta visita estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, así como os representantes da empresa adxudicataria dos traballos.

Trátase de un camiño rural xa existente no lugar de Cambra, na parroquia de Frades, no que se están a realizar melloras do firme con triple rega na súa totalidade, ademáis de obras complementarias de drenaxe e seguridade. Esta estrada enlaza o lugar de Cambra con Aboal e, segundo comentou o alcalde de Mondariz, está previsto en breve que a Confederación Hidrográfica “remate a súa mellora coa execución dunha ponte”.

A lonxitude do camiño é de 181 metros cun ancho de 4,5 metros. Destes 181 metros, 74 son de nova apertura, para o acceso a uns predios próximos ao río Aboal, segundo explicou Cores Tourís.

A parte do camiño de nova apertura levará unha base de macadam de 40 centímetros e contará con apertura de cunetas e formigonado. En total, investiranse nesta obra cerca de 50.000 euros.

“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca do Condado-A Paradanta, investiranse ao longo do presente ano un total de 221.500 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Mondariz para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de Mondariz, o investimento en mellora de vías rurais roldou os 218.787 euros dende ese mesmo ano.

5 de xuño de 2014 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.