Cores Tourís comproba a posta en marcha dunha instalación solar fotovoltaica en Hierros y Aceros del Lérez

Cores Tourís na visita a Hierros y Aceros del Lérez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a firma Hierros y Aceros del Lérez situada no polígono de O Campiño onde puido comprobar a posta en marcha dunha instalación solar fotovoltaica que foi apoiada economicamente pola administración autonómica.
Na visita estivo acompañado polo xefe territorial de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, así como polo xerente da empresa, Juan Gómez, e o administrador Fernando Ortigueira. Tamén estivo presente Manuel Méndez, director de Enertra, a consultaría enerxética que colabora con esta firma.
A actuación subvencionada que puido hoxe comprobar o delegado territorial consistiu nunha instalación fotovoltaica de 100 kW de potencia nominal para xeración de enerxía eléctrica para autoconsumo. Na cuberta da nave industrial colocáronse un total de 480 módulos de 235 Wp cada un, o que supón unha potencia total pico de 112,80 kWP.
“Así, segundo os cálculos realizados no proxecto técnico”, segundo apuntou Juan Gómez, “a enerxía estimada que xeraremos con este novo sistema anualmente será de 153.589,99 Kwh”. Esta produción contribuirá á redución do consumo eléctrico da empresa, o que equivale a unha redución de emisións de 52,22 toneladas de CO2.
O investimento desta obra foi de algo máis de 146.000 euros, dos cales o 80% foi sufragado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da orde de axudas de decembro de 2013 que ten coma finalidade a prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, e que se atopan cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao que se destinaron 1,5 millóns de euros.
José Manuel Cores Tourís destacou que dese montante, 820.000 euros foron destinados a empresas da provincia de Pontevedra. “De feito, beneficiáronse destas axudas 116 empresas en Galicia, 27 delas na nosa provincia”, matizou o delegado territorial.
Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente aposta polos investimentos das empresas en materia ambiental, xa que, como explicou Cores Tourís, “estas melloras acaban converténdose nunha vantaxe competitiva e traen consigo un beneficio, non só para o ambiente e a sociedade en xeral, senón tamén para as propias empresas, en aspectos tales como aforro de recursos, a prevención e xestión axeitada dos seus residuos e a prevención de riscos ambientais”.
Hierros y Aceros del Lérez dedícase a produción de arame de ferro e aceiro cortado a medida, de diámetros comprendidos entre os 12 e os 2 milímetros, e dunha lonxitude que vai dende os 20 centímetros ata os 12 metros. O arame, segundo explicou Juan Gómez, pode ser liso ou gravado, e “tamén realizamos o proceso de gravado de material”.
A firma foi fundada en 1985 por Amancio Ortigueira e conta con máis de 20 anos de experiencia no sector do metal. No ano 2011 iniciouse o proceso de expansión comercial e produtiva que supuxo a creación do novo centro de traballo no Polígono Industrial de O Campiño.
“O compromiso co medio ambiente é o noso obxectivo primordial, como proba o feito de que o 100% da enerxía que consume procede de renovables”, engadiu o administrador da empresa Fernando Ortigueira. “Dentro deste compromiso, instalamos paneis fotovoltaicos que subministran o 30% do consumo eléctrico”, matizou.
A empresa, que triplicou a súa facturación nos últimos dous anos, conta con dous centros de traballo na cidade capitalina, un en Lérez e outro no polígono empresarial de O Campiño, onde conta cunha nave de 1.000 metros cadrados. Conta con 16 empregados e exporta o 60% da súa produción a Portugal, Francia e Inglaterra, aínda que está a traballar tamén para introducirse próximamente no mercado Latinoamericano.











