publicidade hoxe

Cores Tourís analiza as melloras dos centros educativos co alcalde da Cañiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís visita o CPI da Cañiza

Cores Tourís visita o CPI da Cañiza

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña do alcalde da Cañiza, Miguel Adolfo Domínguez, o CPI da localidade para coñecer as demandas de mellora do colexio e analizar a situación dos centros educativos do municipio da Paradanta.

Na visita ao colexio da Cañiza, o delegado territorial e o alcalde da localidade estiveron acompañados polo xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares así como do director do centro, Francisco Adrián de Cima.

Cores Tourís destacou os 225.000 euros investidos nos centros educativos da Cañiza dende 2009, tanto de Primaria coma de Secundaria. Entre as obras executadas atópanse a ampliación do comedor do CPI da Cañiza, no que se investiron 60.000 euros, así como a reparación de aleiros e beirarrúas no IES do municipio onde tamén se realizaron melloras de accesibilidade coa instalación dun ascensor e a adaptación de aseos para discapacitados, traballos aos que se destinaron case 80.000 euros.

“Ademais, no CPI no que nos atopamos hoxe tivéronse tamén que investir outros 22.000 euros nos últimos anos para a posta en marcha de arranxos urxentes a causa de diversos incidentes xerados polos sucesivos temporais vividos nos pasados invernos”, engadiu Cores Tourís.

Para o presente ano están previstas obras no colexio da Cañiza por un montante de case 9.000 euros enmarcadas dentro dos gastos extra de funcionamento do centro, destinadas tanto a mellora do grupo de presión de gasóleo como a posta en marcha de obras de eficiencia enerxética co cambio das fiestras do edificio, “proxecto no que colaborará tamén o concello da localidade aportando materiais e man de obra, dentro dunha primeira fase de mellora”, explicou o delegado territorial.

Cores Tourís agradeceu, ademais, a colaboración do concello no mantemento dos centros educativos, destacando o arranxo da caldeira de Infantil executado polo municipio recentemente, así como a limpeza dos caneiros.

Transporte adaptado e comedor

Os responsables da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra quixeron tamén destacar o traballo que o colexio de A Cañiza está a realizar en relación ao comedor, “de xestión directa da Xunta e dos máis grandes do sur da provincia”, xa que conta con 623 usuarios, segundo explicou, pola súa banda, o xefe territorial, César Pérez Ares.

En total, o comedor é utilizado por 376 alumnos de Primaria, 223 de ESO e o persoal do centro, contando con 17 coidadores autorizados.

Finalmente, o alcalde da localidade, Miguel Adolfo Domínguez, agradeceu a “sensibilidade” da Xunta de Galicia de cara ao apoio a unha alumna con discapacidade que, dende o presente curso, conta cun transporte adaptado para poder trasladarse dende o seu domicilio en Valeixe ata o CPI.

A Xefatura Territorial de Educación comunicou á empresa de transporte, a comezos do presente curso, a necesidade de contar cun vehículo adaptado para cadeira de rodas. “A alumna leva utilizando o vehículo dende outubro do ano pasado e, segundo nos informaron os seus proxenitores, están moi satisfeitos porque deste xeito pode asistir con normalidade ás clases”, rematou Domínguez.

3 de xuño de 2014 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.