Convivencia musical entre maiores e cativos no Fogar Santa María de Verín
Na xornada de mañá sábado 28 de xuño, a Residencia de Anciáns Santa María acollerá unha convivencia musical na que participarán o Coral Infantil ‘Amaro Refojo’, Apóstol Santiago de Vigo e Asociación Verinense ‘Amigos da Música’.
A primeira actuación, concerto-homenaxe a maiores e coidadores, será ás 10.30 horas a cargo do Coral Infantil ‘Amaro Refojo’, dirixido por María Teresa Pérez Álvarez. Interpretarán temas como Campanario, Rosas de marzo, Arroyo claro, Di pastor que vas, Clara está la luna, Mantelito, Piratas, Arde Londres, Moucho Laroucho e Festa de Monterrei.
A segunda actuación está prevista a partir das 17 horas. Trátase dun concerto musical sacro e profano no que actuarán o Coral Apóstol Santiago de Vigo e a Asociación Verinense ‘Amigos da Música’. Entre os temas que interpretarán as dúas formacións, dirixidas por Rimantas Zdanavicius e Edelmiro L. Mateo García respectivamente, atópanse: O mio Signore ascolta (Albinioni), Panis angelicus (C.Frank), Cantique (G.Faure), Cum decore (T.Sussato), Ecco (Orlando di Lasso), Adiós ríos (A.Celada), Prende salgueiriño, prende (E.Lede), Festive gloria (J.Althouse), Esta tierra (J.Busto), Achícame por piedad (Juan Jáuregui), Oh, rama (Popular portuguesa) El viejo puerto (Ricardo Guirao) ou Campanitas de cristal (Rafael Hernández). Para finalizar, o Coral Apóstol Santiago de Vigo e a Asociación Verinense ‘Amigos da Música’ realizarán unha actuación conxunta do tema O voso galo de Rogelio Groba.
Nesta convivencia musical colaboran o Concello de Verín, Denominación de Orixe Monterrei, Cabreiroá, Hortoverín SL, Floristería Mayka e Casa del Mueble.











