Contos con mensaxe para os máis pequenos de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Casa da Cultura encheuse este martes de nenos e nenas para a obra da Tropa de trapo “Antía, Wanba e o regato pequeno”. Un espectáculo no que se lles ensina aos máis pequenos que compartir non é simplemente dar o que nos sobra. Os contos e a música serven para explicarlles que non todos temos de todo e que hai países onde falta ata o máis básico pero dos que se pode aprender unha grande lección: non necesitamos tanto para vivir e que outro mundo máis igualitario é posible.

Antía é unha nena galega que vai merendar ao parque. Wamba é un mozo do Congo que vende de todo no Top Manta para poder sobrevivir. Unha carreira, un tropezo e un bocadillo van unir as súas vidas e van compartir o que nese momento levan enriba: Antía, a súa merenda, e Wamba, as súas historias.

Ao longo do espectáculo, Wamba cóntalle a Antía catro historias que falan de África e de Europa, do que nos sobra e do que nos falta, de compartir de verdade, de valorar o importante, de rir, de mirar con esperanza ao futuro… contos para bailar e cantar, para xogar, pero tamén para sentir e pensar.

As historias ilústranse con música de kalimba -un instrumento de orixe africana- e cunha batería feita con materiais de refugallo. Ademais tamén se crean paisaxes sonoras cunha cunca tibetana e unha frauta doce, coas que A Tropa de trapo consegue ambientar cada escena de forma sorprendente.

“Antía, Wamba e o regato pequeno” é unha obra que chegou a San Sadurniño grazas ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello. Son contos para todo o mundo e para un mundo de todos e todas que a compañía A Tropa de trapo está levando de xira por toda Galicia dentro do programa da asociación para sensibilizar a cidadanía -especialmente a miúda- en materia de cooperación e solidariedade coas zonas do planeta máis desfavorecidas.

E este xoves, Sés

O alumnado do CPI tamén gozará este xoves a partir das 12.15h. dun concerto de excepción da cantautora Sés -nome artístico de María Xosé Silvar-, presentándolles cun formato didáctico pezas do seu último traballo “Co xenio destrozado”. 

Poesía actual e comprometida musicada con identidade galega inconfundible. Unha voz que timbra no oído cunha rara e sorprendente mestura entre a cantareira e a cantante de blues. Unha voz rechamante, rachada, con matices e contrastes que só pode conseguir quen cré no que canta e no que conta. Un luxo, vaia, para calquera, sexa grande ou pequeno.

Sés despregará na Casa da Cultura o seu poder creativo ato tempo que interactuará coa rapazada para falar da súa música, pero tamén de lingua, de cultura e da sociedade na que vivimos.

18 de xuño de 2014 | 11:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.