Continúa a implantación de lámpadas LED no alumeado do rural de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Continúan tanto no medio rural como nas rúas da capital municipal carballesa os traballos para a implantación de novas lámpadas de tecnoloxía LED na rede de alumeado público. O obxectivo desta substitución, ademais do aforro medio dun 80 por cento respecto do consumo actual, é o de mellorar a reprodución cromática e a visibilidade, ademais de achegar unha maior seguridade cidadá. Así pode observarse na imaxe da esquerda tomada en Castrillón (parroquia de Lema) na que pode comprobarse que as lámpadas LED (de cor máis branca) ofrecen unha maior visibilidade que as antigas (de cor alaranxada). Os traballos están sendo realizados pola Unión Temporal de Empresas (UTE) Ferroser-Ferrovial, encargada do servizo de alumeado público municipal en virtude do contrato mixto de “Servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior” do Concello de Carballo. Ao mesmo tempo que se efectúan as substitucións no rural (partindo da zona norte do concello desde a parroquia de Rebordelos, seguindo paralelamente á costa pasando por Noicela, Lema e Vilela ata Razo), comezou o luns 16 de xuño a implantación da tecnoloxía LED nas lámpadas do casco urbano, estando xa rematadas as melloras en rúas como a Luís Calvo. Ao mesmo tempo, a UTE está colocando o alumeado con motivo das Festas de San Xoán en virtude dunha das melloras sen custo adicional ofrecidas no contrato. Respecto da eliminación que se está realizando dalgunhas das lámpadas que os técnicos con consideran imprescindibles, o Concello e a UTE revisarán as reclamacións presentadas polos veciños e veciñas e volveranse colocar todos os focos que sexan necesarios por motivos de seguridade. O proceso para a implantación da tecnoloxía LED no alumeado carballés comezou despois de que durante o pasado mes de marzo se realizasen as primeiras probas en 40 puntos de luz nas parroquias de Lema, Sísamo e Oza. Naquel momento tomáronse medidas luminotécnicas para contrastar o cumprimento dos niveis esixidos pola normativa e determinar as ópticas que mellor se adaptan en cada unha das zonas ao alumeado existente e sempre co obxectivo de mellorar a visibilidade. Ao final do proceso teranse substituído arredor de 7.500 luminarias en todo o territorio municipal.

Novo sistema para avisar das anomalías no alumeado

O Concello de Carballo e Ferroser-Ferrovial tamén queren lembrar que existe un número de teléfono a través do que poderán contactar os veciños e veciñas para trasladar calquera anomalía que se perciba no alumeado público. Dende primeiros de marzo está dispoñible o 902 350 365, un servizo de Call Center da empresa concesionaria no que se recollerán os avisos que a poboación de Carballo queira comunicar durante as 24 horas do día, os sete días da semana. O custo da chamada é o mesmo que o dunha chamada interprovincial. Hai que lembrar, así mesmo, que a través de <www.carballo.org> no servizo Avisaweb os cidadáns, indicando o seu nome e o número de teléfono ou a dirección de enderezo electrónico, poden informar da existencia de puntos de luz fundidos, de avarías nun cadro de luz ou de calquera outro problema. Os usuarios e usuarias deben detallar a dirección do lugar no que viron a deficiencia e a data de detección. Mediante esta ferramenta, poden mesmo colgar fotografías e indicar nun mapa de Google Maps o punto exacto no que detecten a incidencia. De forma inmediata, unha vez cumpridos os datos, o cidadán recibirá un SMS ou un correo electrónico indicándolle que a súa notificación está recibida e en proceso de resolución. Posteriormente, cando os técnicos a solucionen, enviaráselle outro aviso informándoo de que a incidencia está emendada.

20 de xuño de 2014 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.