publicidade hoxe

Conclúen os traballos de mellora da rede de saneamento da parroquia de Torres en Vilarmaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaVilarmaior
A-
A+
Belén do Campo reúnese co alcalde de Vilarmaior

Belén do Campo reúnese co alcalde de Vilarmaior

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo hoxe unha reunión de traballo co alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, para analizar o estado dos proxectos que o Goberno galego está a desenvolver no municipio, así como as necesidades actuais. Neste senso, Do Campo e Vázquez supervisaron o resultado dos traballos levados a cabo pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, para mellorar a rede de saneamento da parroquia de Torres, nos núcleos de Gabín, As Coruxas, Goián, Sobrado, Belsar, Picote e Pazos.

Esta actuación, que contou cun investimento de 580.000 euros, foi rematado nesta primeira parte do ano e permitiu arranxar os problemas de saneamento que estaban a sufrir os veciños. Ata a realizacións destas obras, os núcleos non contaban con rede de saneamento nin sistema de depuración colectivo, polo que as augas residuais das vivendas estaban a verter a fosas sépticas, pozos negros ou directamente á rede de pluviais.

Agora, coa construción dunha rede de 11 colectores de PVC cunha lonxitude de case tres quilómetros, a rede está conectada a un colector xa existente que finaliza nunha depuradora executada polo concello. A depuradora consta dunha fosa séptica con filtro biolóxico, dimensionada para dar servizo á totalidade da parroquia de Torres.

Expropiación de seis predios, cun custo de 65.400 euros

Por outra banda, a delegada territorial comunicoulle ao rexedor o final de proceso de expropiación dos bens e dereitos afectados pola mellora da intersección existente no punto quilométrico 3+530, entre a AC-151 (Campolongo-Montesalgueiro) e unha vía local. Este proceso afectou a seis predios, cun custe de 65.400 euros.

Segundo lle transmitiu a máxima representante do Goberno galego na provincia ao primeiro edil, co desenvolvemento desta actuación, levada a cabo a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), quérese mellorar a seguridade viaria dos usuarios de ambas vías e beneficia aos máis de 1.200 habitantes do concello.

Os traballos proxectados na estrada secundaria da Xunta de Galicia propoñen o cambio de trazado do acceso, así como o desprazamento do punto de conexión ao punto quilométrico 3+590, xa que o actual (p.q. 3+530) está situado nunha zona de escasa visibilidade. A AXI tamén propón no proxecto a execución dun novo camiño de entrada a varias fincas situadas na marxe da nova vía. O orzamento que destinará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para esta actuación é de 240.000 euros, e terán unha duración total de catro meses.

O encontro institucional de hoxe forma parte da rolda de contactos que a delegada da Xunta establece de forma habitual cos diferentes responsables municipais para coñecer de primeira man as necesidades dos concellos. A máxima representante do Executivo autonómico na provincia aproveitou o encontro para reiterarlle ao primeiro edil “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta para obrar de xeito coordinado á hora de ofrecer resposta ás demandas dos cidadáns”. Na mesma liña, a Do Campo aceptou a invitación do alcalde para realizar nas vindeiras semanas unha visita ao municipio.

2 de xuño de 2014 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.