publicidade hoxe

Concello de Vilanova de Arousa e Deputación de Pontevedra investirán 3 millóns de euros na reforma da Casa da Cultura de Esteiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVilanova de Arousa
A-
A+
Sinatura do protocolo

Sinatura do protocolo

Dotar o Concello de Vilanova de Arousa dunhas instalacións axeitadas para acoller o crecente número e variedade de actos culturais que cada ano se desenvolven neste municipio é o obxectivo do protocolo de colaboración que esta mañá asinaron o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde do municipio, Gonzalo Durán.

Con esta finalidade, a Deputación de Pontevedra e o Concello investirán máis de 1,3 millóns de euros no acondicionamento da Casa da Cultura de Esteiro, co obxectivo de convertela nun Centro Multifuncional dotado de Teatro-Auditorio.

Louzán e Durán destacaron que a opción elixida “é a mellor”, dado que implica o aproveitamento dun espazo xa existente e cheo de contido para dar resposta a unha “demanda histórica” dos veciños e veciñas de Vilanova como é a de dispoñer dun lugar axeitado ó seu “dinamismo cultural”.

Neste sentido, o rexedor local subliñou que a Casa de Esteiro requiría dunha reforma, dado que foi construída a finais dos 80 en bloque de formigón, que non ofrece illamento térmico, provoca humidades…. Polo que agora “aprovéitase para reestruturala completamente”.

Así, as obras incluirán a ampliación do actual salón de actos, que pasará das 150 prazas actuais a un mínimo de 300 e daráselle a altura suficiente para que se poida construír un escenario, converténdoo así nun teatro-auditorio.

A estrutura do edificio manterase, pero aumentarase unha planta na parte do edificio situada á esquerda da entrada (encima do actual local da Escola de Música), de forma que o edificio pasará dos actuais 800 metros cadrados a 1.300.

Tamén se procederá á remodelación do exterior, que se dotará de pedra país, para adecuala ao contorno e evitar humidades.

Así mesmo, melloraranse os accesos, renovarase a carpintería, crearanse salas de audiovisuais e acondicionarase un maior espazo para a escola de música.

Os traballos, que o presidente da Deputación anunciou que poderían estar en marcha no mes de setembro para rematarse en 2015, requirirán do traslado provisional da Escola de Música e das oficinas de Servizos Sociais e do CIM, que Gonzalo Durán indicou que pasarán a algún local alugado no concello.

Trátase, segundo indicou o presidente da Deputación, de dar resposta ao “crecente dinamismo social e cultural” de Vilanova de Arousa, que na actualidade se atopa cunha carencia de instalacións adaptadas tanto á cantidade como ás propias características dos eventos que se organizan.

Con esta obra, asegurou Louzán “saldamos unha débeda” con Vilanova de Arousa, porque “pola súa historia e o seu dinamismo cultural non era xusto que non tivese un espazo destas características”.

O presidente da Deputación subliñou que, aínda que inicialmente se barallaron varias situacións para este auditorio, a elixida é unha boa opción porque “a Casa de Esteiro é un referente para todos os veciños de Vilanova, é un espazo cómodo, accesible, que con esta reforma da resposta ás necesidades que este concello ten a medio e curto prazo”.

11 de xuño de 2014 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.