Concello de Redondela e Consellería de Educación analizan os proxectos de mellora dos colexios municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRedondela
A-
A+

A Xefatura Territorial de Cultura e Educación de Pontevedra analizou as obras a executar este ano nos colexios de Infantil e Primaria de Redondela con cargo aos orzamentos propios deste departamento, durante unha reunión mantida polo xefe territorial, César Pérez Ares, e a concelleira do ramo, Teresa Pais. Os traballos céntranse en melloras diversas tanto no CEIP Santo Paio de Abaixo como no Alexandre Bóveda.

No caso do primeiro colexio, supuxo o cambio de toda a fontanería e a execución un aseo para profesores, cun orzamento de 45.000 euros. “Esta obra, que xa comezou fai uns meses permitirá cambiar a fontanería do centro que conta cunha antigüidade de 50 anos, o que facía que as tubaxes se atoparan obsoletas e danadas”, explicou César Pérez.

“Ademais, ao longo deste ano continuaremos coa mellora das instalacións eléctricas dos centros educativos deste concello, neste caso, no CEIP Alexandre Bóveda, no que investiremos 17.632 eruos”, engadiu Pérez Ares, quen recordou que estes traballos levan anos desenvolvéndose nos diferentes centros do municpio. “O importante é que os centros conten con capacidade para asumir os actuais sistemas informáticos e as novas tecnoloxías”.

César Pérez aproveitou a reunión para agradecer ao grupo de Goberno local a súa colaboración para a mellora e mantemento dos centros. “Sen a colaboración entre institucións é moi complicado poder atallar todas as necesidades dos nosos colexios”, concluíu, recordando que o concello tamén se comprometeu a realizar as reformas necesarias nas escolas unitarias do municipio durante o presente ano.

O xefe territorial de Educación rematou recordando que, dende 2009, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Educación investiu case un millón de euros (942.000 euros) en obras de melloras en centros de Primaria e Secundaria.

Entre outros traballos, levouse a cabo en Primaria o pavimentado do patio do CEIP Alexandre Bóveda, a reforma e acondicionamento do CEIP de Porto Cabeiro e a reparación da instalación eléctrica dos centros de Quintela, San Paio de Abaixo Laredo e Cedeira. En Secundaria executouse a instalación de tubaxes no IES de Chapela, onde tamén se levaron a cabo traballos de prevención e control da lexionela, a adaptación de ascensor no Pedro Floriani onde ademais se reparou a cuberta, e a reposición de enfuscados do pavillón do Illa de San Simón.
 

12 de xuño de 2014 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.