Concello de Monforte e Benestar estudan vías de colaboración para a mellora da escola infantil municipal

Reunión da directora xeral de Familia e Inclusión co alcalde de Monforte
A Consellería de Traballo e Benestar está a estudar posibles vías de colaboración para cooperar co Concello de Monforte de Lemos na adaptación das infraestruturas do concello destinadas á escola infantil.
A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza co alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, para comunicarlle que o departamento autonómico está a estudar posibles vías de colaboración para financiar a obra de mellora das anteditas infraestruturas municipais.
Na actualidade, Monforte de Lemos oferta 41 prazas públicas de 0-3 anos na escola municipal.
Trátase dun primeiro contacto entre a Xunta e a Administración local para analizar esta cuestión. Neste senso, González comprometeuse co alcalde a manter proximamente novas reunións para ir concretando a fórmula de colaboración máis axeitada.
González lembrou que unha das políticas prioritarias da Xunta de Galicia é apoiar a conciliación da vida familiar e laboral dos galegos e galegas coa posta en marcha en colaboración cos Concellos de novas prazas públicas de 0-3 anos. Trátase dun dos eixos principais do Plan de Dinamización Demográfica aprobado polo Goberno galego o pasado ano.











