Concello de Cangas e Náutico de Rodeira preparan o paso da Travesía Náutica Xacobea
O alcalde de Cangas José Enrique Sotelo recibiu hoxe ao presidente do Real Club Náutico de Rodeira Humberto Ferral para abordar a chegada o próximo mes de xullo a Cangas da flota participante na Travesía Náutica Xacobea que conmemora o VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.
Na xuntanza Sotelo destacou que Cangas conta cunha estreita vinculación co Camiño de Santiago como demostran parte do seu patrimonio histórico e artístico no que resaltan a Capela do Hospital onde atendíase aos peregrinos ou a excolexiata de Santiago de Cangas e as Illas Cíes na cal era posible abrazar ao apóstolo de forma semellante a como se fai na actualidade na Catedral de Santiago de Compostela. “Este evento servirá para reivindicar a Cangas como destino turístico” recalcou o rexedor que anunciou a creación dunha comisión na que estean presentes os responsables do Náutico de Rodeira e da Concellería de Turismo para preparar todo para recibir aos tripulantes- peregrinos así como organizar actividades para que coñezan os atractivos da vila.
Pola súa banda o presidente do club Humberto Ferral destacou que Cangas será o primeiro porto galego que recibirá as embarcacións participantes, que agora mesmo supera a decena, grazas a contar co galardón de ‘Q’ de Calidade Turística, a única en toda a Ría de Vigo. Esta programado que as embarcacións cheguen a Cangas na mañá do 8 de xullo tomando a saída a Portonovo ao día seguinte. Ferral destacou o alcance internacional do evento que sae dende Xénova o vindeiro 15 de xuño recalando nas súas 1542 millas de percorrido repartidas en catorce etapas recalando en portos de Italia, Francia, Portugal e España, colocando a Cangas nunha lista de destinos na que aparecen cidades como Toullon, Palma de Mallorca, Torrevieja, Marbella, Cascais ou Porto entre outros











