Concello de Cangas e asociación cultural ‘Xiria’ asinan un convenio para a XXXI Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo

Sinatura do convenio
Hoxe celebrouse na Casa do Concello a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Cangas e a Asociación Cultural ‘Xiria’ para a celebración da XXXI Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. No acto estiveron presentes o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo e a presidenta do colectivo María Xosé Mariño e a actriz canguesa Casilda Alfaro.
A través deste convenio o goberno local comprométese a aportar 9.000 euros para a celebración da mostra que unha vez máis converte ao municipio en todo un referente teatral durante unha semana. No acto Sotelo destacou a relevancia deste evento na vila que ademais este ano coincide coa Feira da Tapa “polo que Cangas vai a vivir dúas semanas nas que a gastronomía e o teatro irán da man”.
Pola súa banda Mariño destacou a calidade da programación deste ano que inclúe unha gran cantidade de obras de estrea de mans de artistas de renome atraendo a visitantes do resto de Galicia e incluso Portugal.
Nesta edición representaranse case unha vintena de actuacións en diferentes puntos da vila coma son o Auditorio Municipal, onde cada noite haberá uha obra diferente, a Capela do Hospital, a Casa da Cultura, o Salasón e o teatro na rúa nas diferentes parroquias.
A mostra abrirá ao público o venres 27 de xuño coa obra “Meu Ben” ( M2 PRODUCIÓNS) que contará coa participación de actrices coma Mercedes Castro ou Elina Luaces no Auditorio Municipal. O sábado 28 a programación continuará coa representación de “Como por un Tubo” de mans de Miguel Ángel Solá. O domingo 29 GRAPPA TEATRO presenta “Clochards”de Paco Mir. O luns é o turno dos alumnos e alumnas de segundo curso da Escola Municipal de Teatro que representarán “Soño dunha noite de verán”. Tras o descanso do martes o mércores día 2 o teatro volta ao Auditorio de mans da compañía NINGURES que presenta “ O Ogrocho” dirixida por Salvador del Río. O xoves 3 é a quenda da “Tempestad” (EL BARCO PIRATA). O venres 4 chega unha das apostas máis importantes desta mostra “One Hit Wondres” que combina a danza e a interpretación co humor da mans de Sol Picó e o sábado día 5 a compañía TEATRO DO CHAPITÓ presenta a súa obra xestual “Macbeth”. Para clausurar esta semana de teatro o domingo día 6 a compañía CHÉVERE GALICIA, que na pasada edición se alzou co premio do público, presenta “Viaxe ao País dos Ananos”.
Pero non so o Auditorio Municipal será o escenario do teatro durante esta trixésimo primeira edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Ás rúas do concello contarán con diversas actuacións e performances coma a “Caravana da Señorita Lupier” que o día 3 realizará 3 pases dirixidos aos máis pequenos, ou o show de “Peter Punk” que realizará pases en Cangas, Aldán e O Hío. A programación na rúa tamén conta coa actuación de “Kabahiota Circo e Acrobacia” o venres 4 e “Olivia Necesita un Verán” o sábado día5.
A Capela do Hospital acollerá durante esa semana a exposición “Acordaros de Nosotras” de Pablo Pastor, o debate “Espazo Luces. Que Facer dunha vez por todas coa cultura”, a presentación da “Revista Galega de Teatro” e a proposta escénica de micro teatro de “Vulto Ibuprofeno”.
Como ven sendo habitual nos últimos anos o Salasón tamén será o escenario de varias representacións coma a estrea de “As fillas Bravas” (CHÉVERE GALICIA) ou os poemas de “Con dez poemas por banda”.
Finalmente, a Casa da Cultura de Cangas será o lugar de celebración do obradoiro “La Cualidad” impartido polo director Andrés Lima e que será un dos pratos fortes da mostra xa que Lima é un dos directores máis importantes de Europa, “é un luxo telo en Cangas” destacan dende a organización. O obradoiro “Representacións do Inconsciente” amosará aos asistentes como empregar ferramentas da interpretación para axudarse na saúde e nos malos momentos da vida e o obradoiro de ADICAM “Autocoñecemento polo Cambio”.
Os membros da organización lembran que xa esta a venda o bono de entradas para as 8 actuacións que se realizarán no Auditorio Municipal cun prezo de 42 euros dispoñibles na páxina www.servinova.com e que ten entre outros beneficios un desconto de 22 euros no prezo das entradas, o acceso sen colas e a elección das mellores butacas. A partir do 20 de xuño estarán dispoñibles as entradas anticipadas por un valor de 6€ cada unha e en taquilla poderán adquirirse por 8€. Aqueles mozos e mozas que presenten a o seu carné xove na poderán beneficiarse dun desconto de 2 euros no prezo da entrada.











