Concello da Coruña e Ministerio de Defensa asinan a concesión das instalacións deportivas da Fábrica de Armas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Sinatura da cesión

Sinatura da cesión

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o director xeral de Infraestrutura do Ministerio de Defensa, Eduardo Zamarripa, asinaron esta mañá a concesión demanial, a favor do Concello da Coruña, dos terreos do denominado club social e do aparcadoiro da Fábrica de Armas co obxectivo de ampliar, deste xeito, a oferta de equipamentos públicos deportivos da cidade.

A concesión, gratuíta e por un período de cinco anos con opción de compra, abarca unha superficie de 17.125 metros cadrados dos que 8.125 corresponden ás instalacións e 9.000 á zona de aparcadoiro. O Concello disporá, por tanto, de:

– Tres piscinas.
– Zonas axardinadas con céspede.
– Un edificio de 100 metros cadrados que alberga vestiarios, duchas e sala de bombas das piscinas.
– Un edificio de dúas plantas (80 metros cadrados por planta): un bar na planta baixa e unha oficina e sala de lectura no piso superior.

Tal e como destacou o alcalde, estes terreos, situados en pártea sueste da Fábrica de Armas lindando coa avenida Alfonso Molina e a estrada de Eirís -onde ten a súa entrada- permitirán saldar unha vella débeda cos veciños dos barrios da contorna, en especial de Pedralonga e Palavea, que levaban anos reclamando unhas instalacións deportivas. Negreira subliñou, tamén, que esta iniciativa é posible grazas ao clima de colaboración e cooperación institucional entre o Concello e o Ministerio de Defensa.

A Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades, (EMVSA) será quen se encargue da xestión da concesión do equipamento deportivo e lúdico da Fábrica de Armas, tras encoméndaa aprobada en Xunta de Goberno. O Concello traballa, por tanto, para pór canto antes este equipamento ao servizo e goce dos cidadáns.

 

20 de xuño de 2014 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.