Comezan as tarefas de reconstrución da rampla de formigón da Rosa
Os estragos que a sucesión de temporais deste último inverno provocaron na rampla de formigón da Rosa, en Carril, están sendo arranxados polo Concello a través das actuacións programadas en todo o litoral. Operarios da empresa Obras, Transportes y Construcciones Fontefría comezaron a traballar esta mañá na infraestrutura, unha vez que xa se rematou a reposición de 800 metros cadrados de enlousado do paseo marítimo entre Vilagarcía e Carril.
A rampla de formigón da Rosa atópase moi deteriorada debido á forza coa que impactaron as olas durante os temporais. Unha vez realizada esta obra, os operarios continuarán co programa establecido polo Concello e que prevé ademais a reposición de tramos de varanda rodos, o asfaltado de parte do firme da Rúa Lucena que tamén se veu afectado polos golpes de mar e o pintado da balaustrada do paseo marítimo.
As obras teñen un custe de 38.000 euros e fináncianse a través da liña de axudas habilitadas por Costas do Estado para a rexeneración dos litorais marítimos afectados pola sucesión de temporais.











