Comezan as probas de carga no enlace da Terceira Rolda coa estrada AC-14

Belén do Campo na proba de carga
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, asistiu esta mañá á primeira das probas de carga dos dous viadutos do tramo III da Terceira Rolda que servirá de enlace coa autovía AC-14. Na súa visita, estivo acompañada polo concelleiro de Urbanismo da Coruña, Martín Fernández Prado, e polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Antonio Álvarez.
A análise, que se prolongará durante os vindeiros catro días, consiste na avaliación do comportamento dos viadutos, -neste caso en sentido entrada á Coruña desde a autovía AC-14 e en sentido saída da Terceira Rolda cara a AC-14-, fronte a unha carga calculada nuns puntos determinados do taboleiro. Durante a proba de carga compróbase que as frechas (movemento vertical) se corresponden cos valores teóricos obtidos por cálculos.
Para esta proba empregaranse camións das seguintes características:
– Número de eixes: 3
– Cargas transmitidas polos eixes (de diante cara atrás): 7,0 – 9,5 – 9,5 toneladas. Polo que a carga total do camión é de 26 toneladas.
– Separación lonxitudinal entre eixes (de diante cara atrás): 3,90 – 1,35 metros.
– Separación transversal entre eixes: 1,80 metros.
– Lonxitude do camión: 8,15 metros.
– Ancho do camión: 2,50 metros.
Situación das obras
As obras deste tramo III da Terceira Rolda avanzan segundo o previsto e na actualidade o grao de execución das mesmas sitúase no entorno do 93%. Nestes momentos, salvo a realización das probas de carga, as estruturas están finalizadas ao completo. Por tanto, para a conclusión dos traballos resta a extensión da capa de rodadura, a instalación de sinalización horizontal, vertical, balizamentos e defensas e as actuacións complementarias, como son a instalación eléctrica ou os cerramentos.
Tal e como expresara o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, na súa última visita á cidade, as obras deste tramo III da Terceira Rolda marchan a bo ritmo, polo que a súa finalización está prevista para o último trimestre de 2014. Con todo, a súa posta en servizo está supeditada á evolución das obras da estrada AC-14 que está a executar nesta zona o Ministerio de Fomento, se ben desde o departamento estatal xa amosaron a súa disposición a ter rematados os traballos no primeiro trimestre de 2015.











