Comezan as obras de repavimentación en 7.600 metros cadrados da estación de buses da Coruña
O Concello da Coruña, a través da área de Mobilidade que dirixe Begoña Freire, informa o comezo das obras de repavimentación da estación de autobuses da Cubela, que afectará a un total de 7.652, 50 metros cadrados de plataformas.
Os traballos de pavimentación, nos que se invisten 295.649 euros, mellorarán a calidade do servizo, dado que a eliminación de fochancas e charcos das plataformas fará que os viaxeiros dispoñan dun pavimento máis cómodo no traxecto de entrada e saída dos autobuses, potenciándose así a utilización do transporte público e dunha infraestrutura do ano 1973 que presenta importantes deficiencias e que até agora careceu de plan de mantemento ou de conservación.
As obras programadas inclúen a demolición de 7.652,50 metros cadrados do actual pavimento en ruína técnica e a súa renovación, deseñando unha nova drenaxe para evacuación de augas e nova sinalización vertical e horizontal de toda a superficie da plataforma. Os traballos ten un prazo de execución de 4 meses e a súa planificación inclúe os movementos interiores dos autobuses, de forma que non se altere o funcionamento da estación.
Esta actuación súmase á recente licitación, por parte da Xunta, das obras de mellora da infraestrutura, nas que investirá 470.000 euros e que inclúen a instalación de dous novos ascensores e de dúas novas escaleiras mecánicas, que resolverán actuais problemas de accesibilidade, conectando directamente a planta principal de entrada coas dársenas.
Trátase dunha infraestrutura que conta con máis de 5 millóns de viaxeiros cada ano e cun movemento medio de tráfico interurbano en días laborais que alcanza os 874 buses e uns 18.000 viaxeiros ao día.
MELLORA DE TRÁNSITO PEONIL
Por outra banda, o Concello traballa tamén no proxecto para solucionar o tránsito peonil entre as plataformas da estación e a avenida Pérez Ardá, executando unha das propostas contempladas no PMUS.
Durante os traballos de repavimentación aproveitarase para realizar as canalizacións que posibiliten a posterior instalación de dous grupos semafóricos neste itinerario peonil, dotados dun sistema de detección que permitirá coordinar o paso de autobuses e peóns. Con esta actuación o Goberno local resolverá o acceso dos usuarios á estación pola avenida Pérez Ardá, unha das demandas históricas da cidade.
Todas estas actuacións coordinadas supoñen unha contundente resposta á necesidade de dar solución ás necesidades das persoas que utilizan o transporte público interurbano, mellorando a conectividad entre a estación de autobuses e o resto da malla urbana, pondo en valor unha infraestrutura utilizada por 5 millóns de viaxeiros ao ano e pondo fin a unha situación totalmente contraria aos máis elementais requisitos da Mobilidade Sustentable.











