publicidade hoxe

Comeza en Teo a licitación das obras do POS 2014 centradas na seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A reposición do firme de varias estradas e a seguridade viaria son os eixes de actuación das obras do POS 2014. O venres 27 de xuño publicábase no BOP o anuncio de licitación das catro primeiras, dun paquete de cinco actuacións. O prazo de presentación de solicitudes está aberto dende o sábado 28 de xuño e remata o 23 de xullo.

O investimento das obras que se están licitando e que se executarán previsiblemente a partir de setembro supera o medio millón de euros financiado entre a Deputación provincial da Coruña e o Concello de Teo. Dende o goberno municipal, Rafael Sisto, destácase que “as obras decidíronse en xunta de portavoces e contaron co apoio de todos os grupos políticos presentes na corporación”. Deste xeito “establécense as prioridades máis urxentes que nesta ocasión se centran en mellorar a seguridade viaria en varios puntos especialmente sensibles e na mellora do firme de estradas cun importante deterioro”.

A aposta pola seguridade, centrada nos peóns, verase na execución da obra Sendas 2014 que prevé realizar sendas peonís en zonas de risco en Cacheiras, Calo, Recesende, Reis e Texexe. Algúns dos espazos nos que se actuará son o entorno do IES de Cacheiras ou os accesos do colexio de Calo. Nestes lugares entubaranse as gabias para gañar ese espazo para o peón. A maiores enriba desa zona farase unha franxa con formigón, unha superficie lixeiramente elevada da estrada e cunha cor diferente que diferencie o espazo do tráfico rodado desta senda para as persoas. Trátase da obra cun maior orzamento, case 200.000 euros.

A maiores desta tamén se está licitando o acondicionamento do vial en Pedreira cun orzamento de 97.564 euros; a mellora dos viais en Guldrís-Solláns e o Sixto cunha previsión de gasto de 81.148 euros e o arranxo do vial en Carballal cun custe orzamentado de 88.239 euros. Nos próximos días tamén se iniciará a licitación da obra de acondicionamento dos viais nas rúas Carballo e Bidueiro, na urbanizacións dos Tilos.

30 de xuño de 2014 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.