Comeza a instalación de terrazas en 22 establecementos da zona centro de Ferrol
Un total de 22 establecementos de hostalería situados en certos tramos das rúas María e Magdalena, e na rúa Pardo Baixo contarán dende mañá coa autorización para a instalación de terrazas durante os meses de verán. Con esta proposta, o Concello de Ferrol busca contribuír á dinamización do sector e a animar as rúas do centro da cidade durante o período estival. Ademais, a taxa reducida especial para esta tempada de verán é de 2 euros por mesa e día.
Do total de establecementos de hostalería autorizados para a instalación de mesas e cadeiras, 9 están situados na rúa Pardo Baixo; 6 na rúa Magdalena no treito comprendido entre Terra e Rubalcava; e os 7 establecementos restantes sitúanse na rúa María, entre Terra e Concepción Arenal
Así, dende mañá e até o vindeiro 31 de agosto (ambos incluídos), permanecerá pechada ao tráfico rodado a totalidade da rúa Pardo Baixo e os tramos anteriormente citados das rúas Magdalena e María. Esta restrición temporal será efectiva entre as 12:00 e as 24:00 horas.











