Comeza a funcionar o novo semáforo no cruce de Agustín Romero coa rúa Limoeiro
O novo semáforo instalado na Avenida Agustín Romero, á altura da base do Servizo de Emerxencias e Protección Civil, está funcionando xa con total normalidade. Operarios do Concello rematan hoxe o pintado o paso de peóns co que se completa a sinalización deste punto.
Os peóns e condutores que transiten pola Avenida Agustín Romero á altura do cruce da rúa Limoeiro deberán respectar a nova sinalización semafórica que regula o tráfico dende esta mesma semana. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Benito Pérez Dorgambide, explicou que o semáforo se coloca co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nun punto problemático tanto pola escasa visibilidade dos vehículos que se incorporan á avenida Agustín Romero dende a Rúa Limoeiro como pola dificultade para as entradas e saídas dos vehículos de emerxencias á súa base. O semáforo tamén aportará maior seguridade aos peóns que atravesan esta vía para dirixirse á Escola de Idiomas.
A sinalización lumínica complétase coa horizontal do paso de peóns que se estaba a pintar esa mañá.
Dorgambide engadiu que a intención do Concello é instalar nese semáforo unha cámara, xa que esta é unha vía na que se soen rexistrar vehículos circulando a velocidade bastante máis elevada da permitida e a que é unha zona urbana moi transitada, especialmente a determinadas horas do día, coincidindo coas clases da Escola de Idioma, ou cando hai partidos de fútbol no campo da Lomba.











