Colectivos e partidos convocan unha asemblea contra a investidura ilexítima en Santiago
Colectivos e partidos políticos convocaron para o mércores 25 xuño unha asemblea aberta co fin de determinar novas mobilizacións en contra da “investidura ilexítima” en Santiago de Compostela, onde proximamente tomará posesión como alcalde o ata agora conselleiro da Xunta Agustín Hernández, así como sete concelleiros non electos dun total de 13 cos que conta o PP. Será na Praza do Toural, ás 20,00 horas.
Entre estes colectivos se atopa Santiago de Corruptela, que tamén distribuíu currículos “corruptos” no Concello de Santiago, como símbolo da situación dentro das portas do Pazo de Raxoi este mandato, no que a capital de Galicia terá tres alcaldes.
Entre algunhas das persoas ás que trataron de entregar os papeis, atopáronse os concelleiros populares Luis Meijide e José Rosende, que á saída do pleno se atoparon con membros deste colectivo con camisetas amarelas e caretas de Pikachu, que usan para simbolizar a “corrupción” do Concello.
Previamente, na Praza do Obradoiro, coincidindo coa convocatoria de pleno extraordinario para certificar a renuncia de oito dos nove concelleiros que serán substituídos na Corporación municipal, unha vintena de representantes destes colectivos e partidos políticos concentráronse para pedir “maior transparencia e democracia”.
Neste acto deuse lectura a un manifesto que, ademais do mencionado grupo, apoian Anova, Compromiso por Galicia, BNG, Equo, Espazo Ecosocialista Galego, Esquerda Unida, Podemos, Cantidatura do Povo, NÓS-UP, Asemblea Aberta e Stop Desafiuzamentos, entre outros colectivos que se sumaron nos últimos días.
“COVA DE ALI BABA”
O texto, consensuado entre todos estes colectivos, advirten de que non pasan por alto que “as imputacións da Pokémon tamén atinxen a algún cargo do PSOE”, pero subliñan que neste mandato “o goberno do PP traspasou todos os límites da decencia e converteu o Concello no seu negocio privado”.
Censuran que o PP “decidiu escapar cara a adiante” e que “seguira con prácticas corruptas”, e sinalan que “nos últimos meses a situación se volveu totalmente insostible”. Ao respecto, apuntan que non só pola “corrupción”, senón que o Concello está “totalmente paralizado polas cuitas internas do PP”.
Para os asinantes do manifesto, a decisión “que presenta o PP” de que “dimita” de Ángel Currás como alcalde para o nomeamento de Hernández constitúe unha “tomadura de pelo”. “Casualmente prodúcese cando queda menos dun ano para as seguintes eleccións”, ironizan, antes de incidir en que a lei impide a convocatoria de eleccións anticipadas a menos de un ano.
Tras recordar que a lei que permite nomear a dedo a concelleiros que non foron na lista se fixo “para situacións de excepcionalidade”, sentencian que “o excepcional en Compostela é a inmoralidade e a caradura do PP”.
Estes colectivos e partidos ven “pouco crible” que Agustín Hernández sexa presentado como o cabeza dun “goberno de rexeneración”, xa que o futuro alcalde, din, é “un profesional das portas xiratorias entre a política e a empresa”.
“Ante esta situación, nós entendemos que a única solución é máis democracia e transparencia. Non buscamos un cambio de cromos, senón crear un marco que evite situacións como a que se está a dar no Concello”, agregan.
Así as cousas, convocan a todos os veciños a participar na asemblea do próximo mércores, que pretenden que desemboque nunha grande manifestación de protesta e “pola recuperación da dignidade compostelana”, así como “en contra da investidura ilexítima” de Agustín Hernández, ao que “non consideran alcalde” seu. “Non renunciamos a sentirnos orgullosos deste concello, a cidade é de todos, non do Partido Popular”, sentencian.
OUTRA CONCENTRACIÓN
Minutos antes desta concentración, membros de Compromiso por Galicia –que tamén participaron no outro acto– déronse cita tamén para mostrar o seu malestar coa situación do Concello compostelano.
O responsable político na capital galega, Modesto Toribio, reclamou unha xestora na capital galega e ofreceu o compromiso da súa formación para a “gobernabilidade” do Concello.
Neste sentido e como proba dese compromiso que reclaman tamén para a xestora, propuxo que quen forme parte desa xestora non sexa candidato nas próximas eleccións municipais de 2015.











