COGAMI ensina a persoas con discapacidade a buscar traballo en Ordes
O martes e mércores, 3 e 4 de xuño, de 10 a 14 horas, unha orientadora laboral do servizo de formación e emprego de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), Alba Vázquez Hermida, desprázase ata a aula de informática da Casa da Cultura de Ordes para impartir un seminario sobre Técnicas de Busca de Emprego.
Dirixido a persoas con discapacidade recoñecida e/ou incapacidade permanente total para a profesión habitual, o seminario tratará temas relacionados coa situación do mercado laboral no sector servizos. A finalidade é que as persoas asistentes asimilen unhas pautas básicas para saber desenvolverse á hora de buscar emprego.
Un grupo de 9 persoas procedentes dos concellos de Ordes (2 mulleres e 1 home), Frades (1 home), Cerceda (1 home), Oroso (2 homes e 1 muller) e Tordoia (1 muller) aprenderán a presentarse a unha entrevista de traballo, como elaborar un currículum ou unha unha carta de presentación, como manexar as redes sociais especializadas na busca de emprego, cales son as obrigas e dereitos do traballador, que bonificacións e incentivos existen para os contratos de persoas con discapacidade, entre outros temas.
Durante os dous días que durará esta formación, as persoas participantes terán a oportunidade de asimilar conceptos e pautas básicas que debemos seguir cando queremos buscar un emprego.











